O pasado 10 de abril, estudantes do CFGS de Fotografía da EASD Ramón Falcón de Lugo participaron nunha sesión fotográfica moi especial no Vello Cárcere. A actividade, incluída na programación da materia Proxectos de Fotografía I, tivo lugar durante os ensaios de Olladas no tempo, espectáculo de música e danza contemporánea.

‘Azul’ (2015), de María Mendoza; ‘Magnum Mysterium’ (s. XVI), de Tomás Luis de Victoria; ou ‘Alegorías’ (2019), de Uxío Domínguez; foron algunhas das pezas interpretadas durante o evento. O profesor Diego Ventoso encargouse de dirixir o ensemble de clarinetes e grupo de percusión do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes. O grupo de danza contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo foi dirixido e coreografado polas profesoras Silvia Victoria Eijo, Alba Felpete, Ana Belén Ferreiro, Reyes González, Julia Penado e Xiana Vilas.

A sesión foi resultado da colaboración da EASD Ramón Falcón cos dos centros mencionados. A través da actividade puidemos establecer un contacto fotográfico real con dous medios de expresión artística como a música e a danza contemporáneas. O resultado foi unha produción fotográfica con recursos e estética que foron alén do enfoque reporteirístico. O alumnado empregou varios dos procedementos máis dinámicos e vibrantes que a cámara fotográfica ofrece na captación e interpretación do real en movemento.