María José Santiso, Sesé Santiso, é unha das doce artistas participantes na exposición colectiva ‘Camiños (IN)certos. Paisaxes e territorios dun camiño emocional’. Dita mostra pode visitarse ata o 22 de xaneiro de 2021 na Fundación Camilo José Cela, en Iria Flavia.

Santiso, estudante do CFGS de Cerámica Artística na EASD Ramón Falcón, participa coa instalación ‘Ruído de fondo’. Un título tomado dun texto do escritor Georges Perec.

«O que ocorre cada día e volve cada día, o trivial, o cotián, o evidente, o común, o ordinario, o infraordinario, o ruído de fondo, o habitual… vivímolo sen pensalo… como se non fose portador de información».

A obra ten unha intención reivindicadora da normalidade. Para isto, Sesé parte de imaxes que captaron o seu interese de modo inesperado, punzante, polas que sinte “unha atracción difícil de explicar, imaxes que adoitan fuxir da beleza aceptada, canónica, intencionada, aparente”.

Nas súas propias palabras, “pretendo chegar a conseguir unha especie de patrón onde se elimine todo o innecesario. Tento ficar nesa liña, nese límite que, a través da suxestión e da imaxinación, me permita conservar e recuperar ao mesmo tempo. Non a aparencia real, senón a impresión recibida ao contemplar algo”.