Salvador Cidrás Robles, alumno do CFGS de Cerámica Artística na EASD Ramón Falcón de Lugo, vén de ser proclamado gañador do Premio Josep Albert Mestre á Excelencia nas Ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño, na categoría de Proxecto Final de Ciclos Formativos de Grao Superior. Trátase dun certame organizado pola Escola d’Art i Superior de Disseny de les Illes Balears, unha das máis antigas de España.

Josep Albert Mestre (1946-2011) foi Presidente da Confederación de Escolas de Artes Plásticas e Deseño (CEA) entre 2008 e 2011 e membro do comité executivo desde 1999. Foi unha figura clave na nova configuración das ensinanzas de Arte e Deseño en España. En sinal de agradecemento pola súa dedicación e entusiasmo en favor do progreso, a CEA creou o Premio Josep Albert Mestre, dirixido a estudantes de artes plásticas e deseño; e que neste 2019 alcanzou a súa oitava edición.

Uralitos / Bestas é o nome do proxecto presentado por Salvador Cidrás. Así o describe el mesmo:

O proxecto de cerámica artística URALITO inspírase nas solucións construtivas da Galicia rural: combinacións imposibles e improvisadas de metal corrugado e plafóns superpostos nos tellados. As pezas están creadas a partir de pranchas de gres ensambladas con tres releves diferentes. Unidas entre si plantean un estudio modular nos que se analiza cuestións de forma, color e espazo. Nunha segunda fase de transición, as pezas gañan en tamaño e complexidade de formas. Un novo elemento incorporado, a “peana”, marca un xogo de ensamblaxe de formas que dilúen esa idea inicial de xarrón contedor converténdoo nunha sorte de muro modular. Nestas novas pezas, a superficie lisa do exterior e a textura esmaltada e brillante do interior fúndense para establecer novas relacións espaciais entre as aperturas e os volumes.

As pezas de cerámica da serie BESTA exploran as formas e texturas do meu contorno máis próximo; as tradicións ancestrais dos animais fantásticos ou o gando que vive libre nos montes de Galicia. A palabra “besta” determina o salvaxe, o que non se pode domesticar. O único contacto que se ten con estes animais é cada verán cando se cortan as crinas nun rito directo entre o home e o cabalo denominado “Rapa das Bestas”. Para min, a cerámica participa tamén dese carácter de non control. Unha vez que se cerra o forno, as reaccións das formas e os esmaltes coa alta temperatura determinan un momento inesperado que dá lugar ao estraño, ao máxico, ao salvaxe.

Podes descargar un PDF con imaxes do proxecto premendo aquí.

Salvador recibirá un diploma acreditativo, que poderá incluír no seu currículo como premio de carácter nacional; ademais de 1.000 euros en metálico. O próximo 10 de maio estará en Palma de Mallorca para recoller o seu premio.

Parabéns, Salvador!