Se algo nos fai especialmente felices na escola é ver como os nosos alumnos e alumnas atopan, abren ou amplían os seus camiños no mundo profesional. Por sorte, isto ocorre bastante a miúdo. Sen ir máis lonxe o vindeiro venres, día 24 de xullo, inaugurarase unha exposición fotográfica de Camelia Iglesias, alumna de Fotografía na EASD Ramón Falcón. Se tedes oportunidade, non deixedes de visitala: seguro que vos vai encantar. Se tedes outro plan para esta fin de semana, sabede que as fotos tamén serán expostas no Festival de Pardiñas (1 e 2 de agosto)

A exposición ten por título ‘Ruínas no esquecemento’ e está incluída no Festival de Cine de Música en Roca (Guitiriz). A Casa de Simón, sede do evento, abrirá as súas portas o venres 24 ás 20:00. Durante esa tarde-noite e a do sábado 25 de xullo haberá proxección de filmes, coloquios, música en directo e ata un seminario de guión cinematográfico. E por suposto, teredes ocasión de ver as fotografías realizadas por ‘Kamy’ Iglesias. A exposición ‘Ruínas no esquecemento’ fálanos do proceso de abandono e despoboamento que sufre nalgúns casos o mundo rural.

ocartel15Preme na imaxe para ampliala e ver a programación do festival

O Festival de Cine de Música en Roca fai parte da rede Cine grande en pequeño; e proponse como obxectivo principal dinamizar a vida cultural da aldea e os seus arredores. Tedes toda a información que precisades coñecer (como chegar, onde aloxarse, etc.) no web oficial do evento. Tamén alí poderedes botar unha ollada a fotografías de edicións anteriores, igualmente feitas por Camelia. E se queredes coñecer o ambiente que se respira neste festival, convidámosvos a premer o play: