O artista plástico e profesor Nelson Gómez Callejas visitou a EASD Ramón Falcón de Lugo o pasado venres 31 de marzo. Fíxoo para ofrecer unha amena introdución ao guadamecí tradicional. Trátase dun oficio de traballo artístico sobre coiro de curtido vexetal (xeralmente pel de cordeiro, carneiro ou vacún) que consiste en recubrilo de finas láminas de prata, engadindo posteriormente unha corladura ou verniz transparente tinguido de amarelo, imitando o ouro sobre o que se ferreteaba e policromaba posteriormente ao óleo. O guadamecí utilizouse principalmente na confección de revestimentos murais, frontais de altar, cadros, mobles e outros obxectos.

Gómez Callejas mostrounos exemplos de coiros españois ata chegar ao guadamecí contemporáneo. A continuación presentou de maneira resumida as técnicas do oficio do guadamecí:

  • Tallado: consistente en suprimir mediante un profundo raspado parte da superficie da epidermes do coiro dependendo do requirimento.
  • Gravado ou incisado: realizábase debuxando cun punzón ou buril sobre o coiro as incisións máis ou menos profundas.
  • Modelado ou repuxado: realizado por presión no reverso do coiro ata conseguir o releve desexado.
  • Baixorrelevo ou rebaixado: técnica inversa ao modelado, é dicir, premendo pola epidermes cara abaixo afundindo as partes requiridas pola composición.
  • Estampado ou intaglio: ao imprimir en releve o coiro a partir dunha matriz de madeira, metal ou outro material sobre peles.
  • Ferreteado ou gofrado: feito con golpes a partir de ferros previamente gravados nun dos seus extremos, a impresión varía en función de como se dean os golpes de certa forma sistemáticos sobre o coiro. Estes guadamacíes tradicionais ferreteábanse unha vez se lles aplicaba a corladura ou metalizado.
  • Collage ou recortado: superposición de anacos de coiro sobre o soporte principal que se adhiren con pegamentos e/ou costuras.
  • Metalizados: aplicados polo xeral en forma de pans ou láminas finísimas adheridas ao coiro mediante a previa aplicación dun mordente. Úsanse láminas douradas ou prateadas.
  • Pintura: para a coloración do coiro utilizando diversos pigmentos, tintas, óleos, acrílicos, anilinas, produtos minerais, químicos ou vexetais. Para os acabados empréganse fixadores ou vernices.

O público asistente puido tamén apreciar o traballo artístico de Nelson Gómez Callejas, unha nova maneira de interpretar o guadamecí contemporáneo agrupado na serie Mitos Fundantes. Esta serie subdivídese en Códices precolombinos, Antigas obras mestras e Textos vexetais.

Finalmente mostrou diferentes libros artísticos da súa autoría, de interese pola súa orixinalidade e calidade plástica.