Entre os eventos da última edición de #ConectaLugo, non podemos deixar de facer mención do relatorio de Antonio Vivas Zamorano. O director e editor da Revista Cerámica participou nas xornadas o xoves 14 de febreiro.

Antonio, nado en Madrid no ano 1949, leva toda a vida dedicado á investigación e divulgación da cerámica. É membro da Academia Internacional de Cerámica, asociada á UNESCO e con sede en Xenebra. No ano 1978, Vivas fundou a Revista Cerámica para potenciar a divulgación da cerámica creativa en España. Unha tarefa que continuou coa publicación de varios libros, como Guía de Cerámica ou Papeis de Son Armadans, do Nobel Camilo José Cela.

Durante a mañá do 14 de febreiro, Antonio Vivas impartiu na EASD Ramón Falcón de Lugo unha clase maxistral sobre a cerámica oriental, os ceramistas contemporáneos e as súas técnicas. Pola tarde ofreceu no auditorio do Vello Cárcere un relatorio no que repasou o acontecido no mundo da cerámica artística nas catro décadas de vida que suma a Revista Cerámica.

Desde aquí queremos agradecer a Antonio Vivas Zamorano a súa xenerosidade, por compartir en #ConectaLugo os seus coñecementos; e transmitirlle os nosos parabéns polos corenta anos da Revista Cerámica, de incalculable valía para os ceramistas españois.