Probablemente escoitaches falar de ‘Ánima Buenos Aires’, unha largometraxe de animación dirixida por María Verónica Ramírez. O filme tenta achegarnos as intimidades da cidade Buenos Aires en varios episodios, desde os ollos de varios eminentes creativos arxentinos. Pois ben: este venres 9 de outubro desde as 10:00, María Verónica estará no Salón de Actos da EASD Ramón Falcón de Lugo para falar do proceso de creación desta obra.

É necesario dicir que é unha cita que non te podes perder? Terás a oportunidade de escoitar e conversar cunha directora que soubo como combinar varias técnicas, como animación 2D, stencils animados e collage, entre outras; para acadar unha obra moi ben acollida pola crítica, que resultou finalista no Festival de Málaga 2013 na categoría de mellor largometraxe de animación.

“Un furacán de creatividade, lirismo e fantasía animada que envolve -sen precisar 3D- ao espectador”.
Miguel Frías: Diario Clarín

“Xuntas, as catro historias conforman unha película entretida e enxeñosa que escolle, máis que a celebración vital, (…) unha ollada melancólica que bota en falta un pasado que sobrevive apenas na memoria”.
Alejandro Lingenti: Diario La Nación

Non o dubides nin un instante e axusta a túa axenda para estar este venres 9 de outubro ás 10:00 no Salón de Actos da Escola. Seguro que imos aprender a esgalla!