A única diferencia entre os graos que ofertan as universidades e as titulacións que podes cursar nunha Escola de Arte e Superior de Deseño como a Ramón Falcón é terminolóxica. Ámbolos dous títulos están exactamente no mesmo nivel no Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior (MECES).

Preme na imaxe para ampliar

Como podes ver na imaxe, o sistema educativo español distingue catro niveis: o primeiro corresponde a títulos de Técnico Superior, o segundo a títulos de Grao, o terceiro a títulos de Máster e o cuarto a Doutorados. Todas as Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño, Conservación e Restauración, Artes Plásticas e Deseño, Música, Danza, Arte Dramático…  que se imparten en centros públicos superiores como a EASD Ramón Falcón de Lugo son titulacións oficiais do nivel 2 (Grao) do MECES.

Polo tanto, son equivalentes a todos os efectos a un título universitario de Grao.

Sempre que a normativa esixa estar en posesión dun título universitario de Grao, cumpre igualmente o requisito o estudante que estea en posesión dun Título Superior de Ensinanzas Artísticas. Así o especifica a Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE):

Os estudos superiores de deseño conducirán ao título superior de Deseño, na especialidade que corresponda, que queda incluído para todos os efectos no nivel 2 do Marco español de cualificacións para a educación superior e será equivalente ao título universitario de grao. Sempre que a normativa aplicable esixa estar en posesión do título universitario de grao, entenderase que cumpre este requisito quen estea en posesión do título superior de Deseño.

Así, cun título oficial de Ensinanzas Artísticas Superiores poderás acceder a Ensinanzas oficiais de Máster en Ensinanzas Artísticas e Doutorado, ou ben a Ensinanzas universitarias oficiais de Máster e Doutorado (sempre e cando cumpras tamén o resto de criterios de admisión determinados pola universidade de destino).

Despois do Máster, igualmente, poderás acceder a estudos de Doutorado propios das ensinanzas artísticas, a través dun convenio coa universidade; ou a estudos de Doutorado impartidos por unha universidade.