O profesor e Xefe do Departamento de Deseño de Interiores, Pablo Ferreiro-Mazón, participou a primeiros do mes de outubro nun Programa de Mobilidade Erasmus+ na University of Jordan, en Ammán, a capital de Xordania, xunto cun grupo de profesores de Facultades de Belas Artes, Escolas de Restauración de Bens Culturais, Escolas de Arte e Escolas Superiores de Deseño de diversos lugares de España.

Ademais de participar en variadas e interesantes actividades, obradoiros e seminarios na propia Universidade, os profesores xordanos organizaron para os seus colegas españois unha ampla e variada axenda cultural, na que se incluíron visitas a The Khalid Shoman Foundation; ao Hendeyah Museum of Art, onde o coleccionista de arte Samy Hendeyah mostrou a súa impresionante colección privada e lles ofreceu unha agradable cea nos xardíns da fundación; á Jordan National Gallery of Fine Arts, na que o propio Director Xeral Dr. Khalid Khreis encabezou unha visita guiada; e ao estudio de Ghassan Abu Laban, un dos máis prestixiosos artistas xordanos do momento.

Igualmente, o grupo de profesores foi invitado polo moi recoñecido artista e embaixador Muhanna Al Durra a unha cea na súa propia casa, onde puideron gozar dun moi interesante faladoiro sobre o mundo artístico contemporáneo.