Grazas a unha invitación da Asociación Ceramolóxica Galega Canaveira, o alumnado do CFGS de Cerámica Artística da EASD Ramón Falcón de Lugo tivo a oportunidade de participar nunha sesión de cocción de olería. A propia Asociación organizou a actividade no forno tradicional da oleira de Bonxe Pepa Lombao, no concello de Outeiro de Rei.

O sábado 19 de outubro procedeuse á carga do forno. É un labor delicado, posto que nesta tipoloxía de fornos tradicionais as pezas deben colocarse unhas enriba doutras na cámara de cocción. Á mañá seguinte iniciouse a cocción empregando como combustible toxo previamente recollido nos montes próximos, seguindo a tradición.

A cocción prolongouse durante todo o día e os asistentes puidemos gozar dunha degustación de empanada e bolos preñados, todo cocido no forno de pan que a oleira posúe preto do de cerámica. Tampouco faltaron as castañas asadas. O luns 21 rematouse a actividade coa apertura do forno e a extracción das pezas, que lucían os efectos das lapas e o fume de toxo sobre as súas superficies.

Queremos agradecer á Asociación Canaveira e a Pepa Lombao a invitación para participar nesta actividade, dirixida á posta en valor da olería tradicional.