Os profesores Petraq Papa e Albes Fusha, da Facultade de Belas Artes de Tirana (Albania), visitarán a EASD Ramón Falcón de Lugo entre o 4 e o 10 de maio.

Petraq Papa naceu en 1964. É un pintor, gravador e deseñador gráfico albanés. Estudiou Deseño Gráfico na Jordan Misja Artistic School en Tirana; e Deseño Gráfico na Academia de Belas Artes de Tirana. Agora é profesor na Facultade de Belas Artes de Tirana. Traballou na empresa do pintor artístico Byrone NE facendo etiquetas e envases. Tamén traballou na decoración da cidade de Tirana; e encargouse do deseño de billetes do banco de Albania, actualmente en circulación. Realizou exposicións en Italia, Dinamarca e Noruega.

Albes Fusha naceu en 1968. É un pintor e fotógrafo albanés. Estudiou pintura na Academia de Belas Artes de Tirana. Agora é profesor de fotografía na Facultade de Belas Artes de Tirana. Realizou exposicións en Albania, Polonia, Austria, Italia e Estados Unidos. É unha das figuras máis importantes da fotografía contemporánea en Albania. Os seus traballos percorren un amplo rango de temas, como a condición humana, a fotografía de paisaxe ou a abstracción. É coñecido polas súas fotografías conceptuais, máis que polos seus aspectos formais.

Tras viaxar de Albania a Lugo o sábado 4 de maio, os profesores dedicarán o domingo 5 a visitar o Museo Provincial e outras partes da cidade. O luns 6, desde as 13:00 no Salón de Actos da escola, farán unha presentación da Facultade de Belas Artes da que proceden. Ás 15:00, entre o Salón de Actos e a Aula 15, o profesor Petraq Papa dirixirá o obradoiro ‘Como deseñar un billete de banco’.

Despois dun par de días libres nos que farán visitas de tipo cultural a puntos de interese da provincia de Lugo e de toda Galicia, o xoves 9 de maio desde as 11:00 será Albes Fusha quen dirixa un obradoiro, titulado ‘Light painting’. Será no Salón de Actos e no plató 11.5. Ademais, desde as 15:00 o profesor Petraq Papa dirixirá a parte final do obradoiro ‘Como deseñar un billete de banco’, entre o Salón de Actos e a aula 15.

IMPORTANTE: As persoas interesadas en participar nos obradoiros deberán inscribirse na conserxería da Escola antes de que finalice o venres 3 de maio. O obradoiro de Petraq Papa está dirixido ao alumnado de 1º curso do CFGS de Gravado e Técnicas de Estampación; o de Albes Fusha, ao alumnado do CFGS de Fotografía. Con todo, as dúas actividades están abertas a todos os estudantes e profesores do centro interesados.