O pasado 21 de febreiro, a nosa compañeira Patricia Fernández Pereira, alumna da EASD Ramón Falcón, presentou o seu traballo Manchas de Bash-o, unha publicación interactiva para iPad con edición impresa, nos Premios Proxecto de Fin de Grao en Deseño Gráfico, convocados polo Colexio Oficial de Deseñadores Gráficos de Cataluña.

Acompañada pola profesora Natalia Crecente García, Patricia presentou o seu proxecto final de estudios na Xornada de debate arredor do actual paradigma do deseño gráfico. ‘Manchas de Bash-o’ é un proxecto onde “contido e continente propoñen un diálogo poético, plástico e sensorial entre formas e palabras”, tal como se recolle na publicación del evento.

A xornada foi un punto de encontro para debater sobre a actualidade do Deseño Gráfico, a súa ensinanza e a súa práctica profesional desde unha perspectiva crítica. Na sesión da mañá, Do TFG ao PFG: compartindo experiencias, os autores dos proxectos seleccionados expuxeron o seu traballo, unha selección de proxectos orixinais e innovadores con gran contido social e comprometidos co seu contorno. Pola tarde profesionais, profesores e doutores reflexionaron sobre a realidade do deseño. Asistimos a dúas mesas redondas nas que actores con experiencias dispares e un longo percorrido compartiron a súa visión profesional e falaron dos posibles retos que ten a disciplina na actualidade.

Na primeira mesa, Visións transversais, o dr. Francesc Morena (Massana UAB), o dr. Jordi Alberich- Pascual (UGR), o dr. José Luis Valero Sancho (UAB), o dr. Javier Melenchón Maldonado (UOC) e o profesor Jordi Català Domínguez (Eina UAB) debateron sobre a construción da disciplina e de como se sustenta e se relaciona con outras. Na mesa seguinte, Temos pasado, hai futuro no deseño gráfico? o dr. Jordi Pericot i Canaleta (Universitat Pompeu Fabra. Escola de Disseny Elisava), o profesor Javier González-Solas (Universidad Complutense [1981-2014]), o dr. Jesús del Hoyo Arjona (UB e decano do Colexio Oficial de Deseñadores Gráfico de Cataluña) e o deseñador Joan Costa Sagalés mostraron distintas perspectivas da profesión, a súa traxectoria pasada, presente e futura e a responsabilidade do deseño na sociedade actual.