Aprender dos que máis saben e, se é posible, aprender coa práctica. Calquera que pasara pola EASD Ramón Falcón de Lugo sabe que esta é unha máxima que tratamos de manter presente en todo momento. Con esa motivación participamos, o pasado 29 de xuño, no obradoiro de coccións experimentais que cada ano dirixe o ceramista corgués Manuel Fernández ‘Lolo’.

Os estudantes de Cerámica Artística tiveron así ocasión de saber máis sobre as coccións en foxo, unha mistura de técnicas primitivas e novas tecnoloxías, con especial protagonismo da técnica grecorromana da terra sigillata. Deste modo achegámonos a técnicas de cocción que non esixen grandes instalacións, sen que iso as faga menos interesantes. Puidemos observar a acción do lume da leña sobre a superficie cerámica e, ao mesmo tempo, coñecer a obra e o traballo de investigación dun destacado ceramista.

Desde aquí o noso saúdo e agradecemento a Manuel Fernández López, ‘Lolo’.