O pasado 15 de febreiro viaxamos a Coruña para participar na “II Xornada Arquitectura Retail, novas tendencias en interiorismo e deseño”. O evento, promovido por Merlin Properties, tivo lugar no centro comercial Marineda City. Foi unha mañá chea de ideas interesantes e olladas ao futuro, expostas por expertos nacionais e internacionais en arquitectura e interiorismo. Entre eles estivo Ramón Cabarcos, profesor na EASD Ramón Falcón.

Trala presentación a cargo de Ana López, xerente do centro comercial, foi precisamente Ramón Cabarcos o encargado do primeiro relatorio, titulado ‘La ganancia del oficio. De ilusión a profesión’. “O deseño é a arquitectura sen o pánico da folla en branco, sen preexistencias e limitacións”, sinalou o profesor. Despois chegou a quenda de Iván Cotado, que falou de interiorismo estratéxico. Pola súa parte, Marco Mora von Rechnitz, director da revista VED (Viviendo el Diseño), tratou de responder á pregunta ‘Interiorismo, ¿por qué y para qué?’.

A segunda metade da mañá ocupouna unha mesa redonda na que participaron Jorge Ponce, director da oficina de Broadway Malyan en Madrid; Ramón Ramírez, socio fundador de B+R Arquitectos; Milva Maggioni, socia xerente de Play Planet; e Diego Romanos, director de división AV en Sutega.