Categories: Concursos

Xa estamos en novembro, polo que o Nadal asoma no horizonte próximo. E non hai nada máis tradicional nestas datas que as postais. Quizais cando eras cativo enviabas algunha de cartón aos teus familiares e seres queridos. E seguro que nos últimos años recibiches moreas de felicitacións multimedia a través do correo electrónico e as redes sociais. Sexa cal sexa a túa preferencia, queremos animarte a participar nos Concursos de Postais de Nadal que un ano máis organizamos na EASD Ramón Falcón de Lugo.

Premio de Postais de Nadal acada neste 2015 a súa novena edición. Nesta modalidade os candidatos teredes que presentar postais orixinais e inéditas en cartón pluma de 10 x 21 centímetros. A participación está aberta a todos os alumnos do centro no curso 2015/16, en calquera titulación (Deseño Gráfico, Deseño de Interiores, Fotografía, Gravado, Cerámica Artística e Serigrafía Artística).

Do mesmo xeito, todos eles están chamados a participar no III Concurso de Postais Multimedia. Nesta categoría deberedes deseñar unha felicitación de Nadal multimedia, cunha duración de entre 60 e 90 segundos. Nos dous certames é fundamental que saibades reflectir o espírito do Nadal. Iso si, sen renunciar á creatividade nin á orixinalidade!

Tedes ata o martes 1 de decembro para presentar as vosas propostas. Desde ese día, un xurado composto por cinco profesores e un representante da dirección da escola encargarase de seleccionar as postais vencedoras. O gañador de cada concurso recibirá un premio en metálico de 150€, ademais dunha acreditación escrita. Ademais, outorgaranse en cada modalidade un segundo premio e un accésit, que recibirán unha acreditación. As postais de cartón pluma serán expostas no centro e as multimedia publicaranse nesta páxina web.

Contamos coa túa achega! Nas imaxes da parte superior podes ver aos gañadores da pasa edición durante a entrega de premios. Non esquezas ler con atención as bases dos certames, que podes descargar aquí: