Salvador Cidrás e Vicente Blanco, alumnos do CFGS de Cerámica Artística na EASD Ramón Falcón, son parte da firma Formabesta. A súa serie de vasos ‘Uralito’ foi seleccionada para participar nun evento organizado por Nodus Rug na Igrexa de San Simpliciano, no distrito de Brera, en Milan.

Trátase dunha cita coordinada por Laura Pozzi Studio que coincide coa semana da Feira do Moble de Milan. Así, unha selección de once ‘Uralitos’ acompañarán á presentación de baldas do arquitecto e deseñador Paulo Capelo, nunha mostra que estará aberta entre o 3 e o 9 de abril.

Ademais, Formabesta presentará en Milan a súa colección de vasos e teares. Será en Ventura Lambrate. Nesta feira, que terá lugar no barrio industrial de Lambrate, reuniranse deseñadores establecidos e emerxentes, así como escolas e academias, co obxectivo de amosar as últimas tendencias no deseño contemporáneo.