No 8º Encontro da Bienal Iberoamericana de Deseño (BID), celebrada na Central de Diseño Matadero Madrid, a EASD Ramón Falcón de Lugo participou nunha sesión de networking. Alí establecemos lazos de futuro con centros como ESAD College of Art and Design (Matosinhos, Portugal), ArteDiez, Escuela de Artes Plásticas y Diseño (Madrid), Escola Superior de Disseny Illes Balears (Palma), CEV, Escuela Superior de comunicación, imagen y sonido (Madrid), EInA, Escuela de Ingeniería y Arquitectura de la Universidad de Zaragoza, Escola de Deseño do Pratt Institute (New York, EE.UU), Universidad de Nebrija. Master Degree in Industrial Design (Madrid), Colegiatura Colombiana de Diseño (Antioquía, Colombia), Universidad de Monterrey (San Pedro Garza García, México) ou Estudio Creativo de Cancún (México).

Ademais da Revista NM, dous proxectos máis están expostos na Mostra de Estudantes da Central de Diseño Matadero Madrid, exposición colectiva de deseño de Latinoamérica, España e Portugal, cos mellores traballos realizados polo alumnado. Dous proxectos nos que se aplicaron catro principios metodolóxicos do ArtThinking. Potenciar o pensamento diverxente; a pedagoxía sexy (curiosidade, atención e emoción na aprendizaxe); docentes e estudantes como creadores (a educación como produción cultural); e por último, superar o individualismo para promover o traballo colaborativo por proxectos.

Na disciplina de Deseño Integral / Transversal está exposto o proxecto coordinado polas profesoras Eva Valle e Natalia Crecente. Nel colaboraron os profesores Jorge Couceiro, Belén Carracedo, Francisco Fernández, Faína Manchón, Marieta Ríos, Elena Sánchez, Gustavo Tojo e Ricardo Varela. Falamos de Conecta. Un proxecto transversal e colaborativo de todas as ensinanzas, no que a Escola se presenta como promotora cultural. O pensamento diverxente, as reflexións sobre a motivación e a emoción no proceso de aprendizaxe, e a vontade de situar a docentes e estudantes como creadores, incorporando a metodoloxía do ArtThinking, foron os piares fundamentais desta proposta.

Dentro da disciplina Industrial / Produto está exposto Madémica. É un proxecto de deseño e fabricación dun revestimento vertical interior, combinando cerámica e madeira, así como incorporando tecnoloxías de control numérico e procesos artesanais ligados á cerámica artística e á carpintería. Neste proxecto contouse coa colaboración do Ciclo Superior de Deseño e Amoblamento do CIFP Politécnico de Lugo. Foi coordinado polas profesoras Eva Valle e Natalia Crecente e polo profesor do Politécnico Castor Corral. Nel tamén colaboraron os profesores Francisco Fernández Ares, Gustavo Antonio Tojo Fernández e Faína Manchón González.