Cinco traballos de ilustración dos alumnos de Deseño Gráfico da EASD Ramón Falcón de Lugo formarán parte dunha mostra en homenaxe ao deseñador e ilustrador gaditano Manolo Prieto (1912-1991). Esta exposición, con datas aínda por confirmar, poderá visitarse no Museo Nacional de Artes Decorativas de Madrid.

Todos os estudantes do terceiro curso de Deseño Gráfico participan nesta iniciativa, malia que será unha selección dos seus traballos a que se integre na mostra definitiva. Unha desas achegas non só incluirá a ilustración final, senón tamén a totalidade do proceso. No proxecto tamén participan as escolas de Deseño de Madrid, Granada, Córdoba, Murcia, Cádiz e Málaga.

A idea básica é poñer en práctica a metodoloxía aplicada por Manolo Prieto, prolífico ilustrador que ten o toro de Osborne entre as súas creacións máis coñecidas, na materia Debuxo da Ilustración na Escola Superior de Belas Artes de Madrid. Así, os nosos alumnos realizaron ilustracións do conto ‘O Canto da Tripulación’, de Pierre Mac-Orlan, seguindo os pasos do gaditano.

Comunicaremos as novidades sobre a exposición a través deste blog e das nosas contas en Facebook e Twitter.

ACTUALIZACIÓN: A exposición inaugurarase o xoves 27 de abril e estará aberta ao público desde o venres 28.