O pasado 9 de outubro o alumnado de 1º e 2º do CFGS de Fotografía e os profesores Noelia Pardo e Alfredo Yañez, da EASD Ramón Falcón de Lugo, asistiron ao obradoiro do prestixioso fotógrafo e divulgador José María Mellado celebrado no Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña.

Dito obradoiro enmárcase no conxunto de actividades programadas para o XIII Premio de Creación Fotográfica Luis Ksado e contou con numeroso público procedente tanto das restantes Escolas de Arte  de Galicia, como de afeccionados e profesionais da fotografía. Actuou como presentador da actividade o coñecido fotógrafo Xurxo Lobato.

No seu relatorio, José María Mellado fixo unha detallada exposición e defensa dos principios que sempre guiaron a súa carreira como fotógrafo. Definiu os seus sinais de identidade como creador e estilista, achegando referencias desde a súa coñecida faceta como divulgador de técnicas e procedementos avanzados no tratamento da imaxe dixital.