Nunha cidade como Lugo temos grandes proxectos que unen o mellor da nosa tradición xunto ao espírito de conservación e de divulgación. Un deles é, sen dúbida, o Centro de Artesanía e Deseño (Centrad).

O Centro de Artesanía e Deseño está integrado na Área de Cultura da Deputación de Lugo co obxectivo de consolidar a arte dos nosos devanceiros. Para iso, conta cunha abondosa programación anual para todas as idades e sobre diferentes materias da nosa tradición artística, desde a musical, como obradoiros de elaboración de zanfonas, á cestería tradicional ou a elaboración de teas de baixo lizo.

Conta con diferentes arquivos e obradoiros (do Moble Artesán, de Documentación Musical, de Tapizaría, de Cestaría…) e unha sala de exposicións na Capela de Santa María da capital lucense que alberga, ao longo do ano, diferentes e moi salientables mostras.

Hoxe falamos do seu labor divulgativo: un grupo de alumnos do primeiro curso do Ciclo Superior de Cerámica Artística amosou ao longo do ano un grande interese na aplicación da cerámica ao eido da xoiería, motivo polo que xurdiu a colaboración co Centrad. Durante as tardes do martes 31 de maio e do mércores 1 de xuño, este grupo de alumnos dirixiuse ao Obradoiro de Xoiería do Centro de Artesanía e Deseño co obxectivo de achegarse ás técnicas da xoiería artesanal, que os capacite para xuntar nun mesmo deseño cerámica e metal.

O coñecemento destas técnicas permitiralles deseñar pezas cerámicas que faciliten o engaste nos distintos metais empregados na xoiería. O obradoiro, segundo nos manifestou o propio alumnado, resultou de grande interese e puideron aprender diferentes técnicas e acabados da man do experto e artesán Adolfo Domínguez.

Desde aquí queremos agradecerlle ao Centrad toda a colaboración prestada e que nos facilitase as instalacións do obradoiro de xoiería do que dispoñen.