O próximo 3 de maio ás 20:00, inauguramos no refectorio do Museo Provincial de Lugo a exposición ‘Converxencias 2018’, coa presenza de Darío Campos Conde, presidente da Deputación de Lugo. A mostra está composta por unha selección de obras e proxectos realizados nos derradeiros anos polos estudantes dos diferentes ciclos e estudos impartidos no centro.

Os proxectos dos alumnos das Ensinanzas Superiores de Deseño Gráfico conciben e expresan o labor do deseñador gráfico como o dun creador cunha actividade orientada á utilización da linguaxe gráfica para xerar mensaxes e transmitir contidos de natureza diversa, en todos aqueles eidos da comunicación que a sociedade precise.

Por outro lado, os proxectos dos estudantes das Ensinanzas Superiores de Deseño de Interiores, amosan unha notable capacidade para analizar, investigar e proxectar, e expresan a súa vocación de dirixir equipos de proxectos e de execución de obras de deseño de interiores, ao tempo que manifestan a versatilidade destes futuros profesionais para actuar como interlocutores directos ante as administracións públicas no ámbito da súa profesión.

A fotografía e os medios audiovisuais tamén están presentes na mostra coas obras do alumnado do Ciclo Formativo de Grao Superior de Fotografía. Estes estudos teñen como obxectivo dar unha formación integral no campo da fotografía, desenvolvendo a creatividade e o coñecemento desta disciplina artística. O plan de estudos consta de dous cursos académicos, ademais dun proxecto de fin de carreira e unhas prácticas en empresa, que se levan a cabo tamén no segundo ano. Combina a práctica fotográfica diaria, encamiñada á realización de traballos profesionais e proxectos fotográficos persoais, coa impartición de coñecementos técnicos. A todo isto hai que engadir, ademais, unha reflexión sobre a teoría, a historia da fotografía e da imaxe audiovisual.

Os traballos dos estudantes do Ciclo Superior de Cerámica Artística serven de paradigma para entender as ensinanzas impartidas nesta disciplina, orientada a formar profesionais cun amplo coñecemento técnico, artístico e cultural, que os capacita para exercer a súa actividade ben en empresas cerámicas, ben realizando un labor no seu propio obradoiro, xa sexa no eido artístico, artesanal ou industrial.

Tamén están presentes con identidade propia as obras do alumnado do Ciclo Formativo de Grao Superior en Gravado e Técnicas de Estampación. As matrices, talladas, impresas, os gravados, acompáñannos coa súa maxia expresiva, ledicia e sensibilidade nesta exposición, materializada por futuros profesionais que están na vangarda mantendo viva a tradición, deixándonos a súa pegada, o seu selo, a súa persoal fabulación de soños e realidades.

A serigrafía tamén ten presenza na exposición. Podemos aproximarnos ao traballo desenvolvido polos estudantes do Ciclo Medio de Serigrafía Artística. As súas obras evidencian un control dos procesos básicos de realización da serigrafía artística, con métodos tradicionais e actuais propios desta especialidade, analizando as especificacións técnicas dos materiais utilizados e organizando os medios de produción e as medidas para seu mantemento periódico preventivo. Estas serigrafías seleccionadas ademais mostran unha notable capacidade para aplicar con rigor a reprodución fotomecánica, a supervisión e a realización da impresión.

A exposición Converxencias 2018 permanecerá aberta ata o 31 de maio de 2018 no refectorio do Museo Provincial de Lugo.

Descarga aquí o díptico de Converxencias 2018 en formato PDF