Sempre recibimos con alegría as noticias relacionadas co éxito profesional dos nosos antigos estudantes. Por iso é un pracer saber que o colectivo Formabesta, formado por Juan Cidrás e o noso exalumno de Cerámica Artística Salvador Cidrás, presentou en ARCO 2020 obra cerámica da súa última serie, Aberrantes; da man da galería Casado Santapau de Madrid.

Interésanos o termo ‘aberrante’ como aquilo que se aparta do que se considera normal, natural ou correcto, en oposición ao que se aferra -a convención- ou é formal. Entendémolo como unha práctica que se move desde a convención e a costume cara os seus límites, unha sorte de estrañamento das formas que desdebuxan o cotiá en favor do «ambiguo», o «estraño» ou o «misterioso».

As cerámicas están creadas a partir de pezas ensambladas, unindo planos con relevo. A superficie lisa do exterior e a textura esmaltada e brillante do interior fúndense para establecer novas relacións espaciais entre as aperturas e os volumes.

Xunto coa obra cerámica presentan outras nas que exploran os límites doutro material, a la.