Recentemente foron anunciadas as persoas galardoadas cos Premios da Cultura Galega 2020. Entre eles figura o recoñecido fotógrafo Xurxo Lobato, quen visitou a nosa escola en varias ocasións para falar da súa traxectoria profesional e artística.

Lobato, por exemplo, participou na edición 2018 de ‘Conecta’, as xornadas de Arte e Deseño que organizamos na EASD Ramón Falcón. É, sen dúbida, un dos fotógrafos galegos de referencia nas últimas décadas. Foi redactor xefe de fotografía de La Voz de Galicia. A súa extensísima traxectoria continúa sumando experiencias, na actualidade colaborando con Getty Images ou o diario El País. Ademais, é académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes.

O seu traballo foi exposto en galerías do maior prestixio, como o Museo Nacional de Arte Reina Sofía (entre moitos outros); e a súa obra recibiu incontables premios. Neste 2020 engade o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Plásticas. Desde a EASD Ramón Falcón queremos expresar o noso recoñecemento a Xurxo Lobato, un referente, colaborador e compañeiro.

A escritora Ledicia Costas (letras), a Federación de Teatro Afeccionado de Galicia (Artes Escénicas), aCentral Folque (Música), o exdirector da Filmoteca Española Chema Prado (Audiovisual), o dinamizador da cultura e lingua galegas Xosé González Martínez (Lingua), a Fundación Penzol (Patrimonio Cultural) e a responsable do Centro de Estudos Galegos en Budapest, Ildiko Szijj (Proxección Exterior) foron o resto dos galardoados.