Para os deseñadores, traballar e colaborar con distintos profesionais procedentes doutras disciplinas de coñecemento converteuse nun aspecto fundamental da súa actividade. O obxectivo non é outro que converxer en deseños axeitados e evitar patoloxías derivadas dunha concepción inadecuada e dun uso reiterado. Así o explicou o pasado 10 de febreiro Miguel Rodríguez Jouvencel, nun relatorio celebrado no salón de actos da EASD Ramón Falcón de Lugo.

Jouvencel, nacido en Toulouse (Francia) en 1949, é licenciado en Medicina e Dereito, diplomado en Medicina do Tráfico, especialista en Medicina do Traballo e Doutor en Medicina pola Universidade Complutense de Madrid. Ninguén como el para comprender a importancia da interrelación entre áreas profesionais diferentes.

Nunha amena charla, o relator ofreceu e analizou exemplos tanto no ámbito do deseño do moble (asentos, cadeiras, lavabos…) como outros produtos que utilizamos a diario, por exemplo vasos ou zapatos. Jouvencel deunos unha perspectiva nova e rigorosa desde numerosos puntos de vista: médico, técnico, xurídico…