SISTEMAS DE INFORMACIÓN PREVIA Á MATRICULACIÓN E PROCEDEMENTOS DE ORIENTACIÓN E ACOLLIDA DOS ESTUDANTES DE NOVO INGRESO Á EASD RAMÓN FALCÓN

A EASD Ramón Falcón dispón dun dispositivo de información para os seus novos estudantes, tratando con isto de achegar información sobre a súa oferta educativa para aquela parte da sociedade que puidera ser alumnado potencial. Para isto deseñouse un amplo programa de orientación e información, tentando colocar aos nosos futuros estudantes en óptimas condicións para coñecer as diferentes ensinanzas que poden cursar na nosa Escola.

Con este obxectivo, numerosos profesores/as visitan distintos centros educativos para informar sobre o que se ofrece na EASD Ramón Falcón, relativo ás súas ensinanzas e os seus diferentes niveis, bolsas, programas de mobilidade, etc.

Xunto con estes desprazamentos realizados polo persoal do equipo directivo e profesorado voluntario, contactamos con centros educativos da nosa localidade e provincia para ofertar visitas á nosa escola. Nelas lévase a cabo un percorrido por todas as instalacións do noso centro e prográmanse actividades de todas as nosas ensinanzas, a fin de que os nosos invitados poidan formarse unha idea máis real dos traballos e perfís profesionais que poderán acadar cos nosos estudos.

Ao final da súa visita se lles entrega un cartafol onde se inclúen folletos detallados sobre cada unha das nosas ensinanzas, normativa, nivel educativo, perfil profesional, páxina web, así como formas de contactar coa escola para maior e mellor información.

Do mesmo xeito, tentamos que aqueles centros que se despracen desde fóra da nosa localidade complementen a súa visita con percorridos pola cidade de Lugo e os seus principais museos e outras ofertas culturais que o noso concello poida ofertar.

Estas visitas realízanse a principios do terceiro trimestre e gozan dunha gran acollida.

Unha vez os estudantes deciden estudar na EASD Ramón Falcón, ponse á súa disposición todo un dispositivo de información e acollida para facilitar a súa inscrición, matriculación e integración como alumnos da EASD Ramón Falcón.

Ademais, na nosa páxina web existe información detallada sobre sistemas de acceso, requisitos necesarios, probas, horarios, instalacións, etc., que son de gran axuda para os nosos novos estudantes, tanto á hora de decidir sobre a súa posible matriculación, como unha vez son parte do noso alumnado.

SISTEMAS DE APOIO E ORIENTACIÓN AOS ESTUDANTES UNHA VEZ MATRICULADOS. INFORMACIÓN E ACOLLIDA NO CENTRO

Conscientes de que o estudante novo ten dificultades para asimilar e moverse no cadro das ensinanzas especiais, a EASD Ramón Falcón deseñou un plan de acollida.

No primeiro día do curso, o equipo directivo dirixe unha sesión informativa na que se explican os detalles do funcionamento da Escola e as orientacións xerais sobre o plan de estudos a cursar (normas de permanencia, dereitos e deberes, convocatorias, etc.). Ao finalizar esta sesión os diferentes grupos reúnense co titor/a que lles foi asignado, que lles informará máis polo miúdo de cuestións que afecten a cada unha das titulacións e o funcionamento académico das mesmas.

Directrices de acollemento do alumnado