María Sánchez Castedo é alumna de Cerámica Artística na EASD Ramón Falcón Lugo. Anteriormente, tamén na nosa escola, cursou Deseño Gráfico. Na actualidade está en proceso de lanzamento da súa propia empresa, Ceniza de Papel; e comezando a crear traballos destinados á comercialización.

1. Que estudas na EASD Ramón Falcón e desde cando? Cal foi o teu camiño ata chegar á escola?
Fixen Deseño Gráfico, que acabei no 2017; e actualmente estudo Cerámica. Anteriormente fixen traballos de tipo administrativo, a miña maior experiencia laboral foi nunha empresa de informática durante 12 anos aproximadamente. Pero desde sempre fun unha persoa creativa.

2. Que balance xeral fas do teu paso pola escola?
O balance é totalmente positivo, é un espazo creativo onde conviven distintas disciplinas (gústanme especialmente as colaboracións entre talleres), hai profesores especialmente implicados na evolución dos alumnos. É estupendo cando un profesor doutra disciplina se implica nun proxecto que ti propós.

3. Que consellos lle darías a alguén que está pensando en iniciar estudos de Cerámica Artística?
Que adiante. En calquera dos estudos respectan moito a identidade dos alumnos, hai técnicas que aprender, é evidente, pero por outro lado sempre hai bastante liberdade no aspecto creativo.

María Sánchez

Picture 1 of 13

4. Que aptitudes e intereses pensas que debe ter unha persoa que se propoña realizar estes estudos?
Ter a mente aberta e non cortarse á hora de propoñer as ideas. Ah! E moi importante a constancia, pensar que non todo sae perfecto á primeira. Por outro lado creo que o coñecemento técnico é tamén especialmente importante… para chegar a un resultado ás veces hai pasos que no son tan “divertidos”, pero o resultado compénsao todo.

5. Sabemos que xa estás aplicando os teus coñecementos no mundo laboral. Fálanos da túa experiencia, do que fas actualmente.
Aplico os meus estudos de Deseño Gráfico, no ámbito da ilustración e a maquetación, tamén realicei imaxe corporativa. Pero sobre todo estou implicada no ámbito da Cerámica, estou dentro dun proceso de coworking no Cei Nodus a través da EOI, para crear un proxecto empresarial paso a paso, a miña páxina web está en proceso e dispoño de Instagram e realizo ventas a través de Facebook. Tamén fago pezas personalizadas a partir de deseños realizados. Estou en proceso de captación de clientes e puntos de venta, de momento cun bo grado de aceptación. Asisto a feiras, realicei varias exposicións e estou preparando outra para novembro deste ano. Tamén imparto obradoiros formativos.

6. Cales son os teus proxectos académicos e profesionais para o futuro?
Consolidar o meu proxecto empresarial e seguir formándome. Espero poder acceder aos estudos de Serigrafía porque a transferencia de imaxes interésame especialmente, en concreto á Cerámica. Teño creado unha liña de ilustración propia que quero plasmar en distintos soportes. Polo que serían estudos totalmente complementarios.

Podes descargar aquí a Memoria de Actividades Profesionais de María Sánchez Castedo.