Iria Pigueiras Vilar é alumna de Cerámica Artística na EASD Ramón Falcón Lugo. Entre outras iniciativas, xa creou e puxo en marcha IMAVI, a súa propia marca. Podes seguila tanto en Facebook como en Instagram.

1. Que estudas na EASD Ramón Falcón e desde cando? Cal foi o teu camiño ata chegar á escola?
Estou estudando Cerámica Artística dende o ano pasado, antes estudei música e violín e Fotografía Artística na EASD Mestre Mateo. Desde hai máis de dez anos compaxino a impartición de clases de música e movemento, linguaxe musical e violín nunha escola de música coa venta de complementos de moda artesanais en feiras de artesanía e redes sociais. Coa intención de ampliar coñecementos e técnicas para a elaboración de novas pezas decidín comezar o Ciclo Formativo de Grao Superior de Cerámica Artística.

2. Que balance xeral fas do teu paso pola escola ata agora?
O balance é moi positivo. O ambiente cos compañeiros é moi bo, sempre axudando no que se poda e con moita motivación para aprender e mellorar. O que máis valoro do profesorado é a predisposición para resolver calquera dúbida e a motivación para que dentro da programación atopemos o noso camiño e que cada un achegue a súa personalidade ás pezas e proxectos, investigando para descubrir novas posibilidades. Canto ás actividades, todas as que fixemos me pareceron interesantes e me proporcionaron coñecementos, aínda que tamén me gustaría que houbera máis.

Iria Pigueiras - IMAVI

Picture 1 of 6

3. Que consellos darías a alguén que está pensando en iniciar os estudos que ti cursas actualmente?
Considero que é un momento precioso para a cerámica porque o interese dos clientes e do público neste momento abarca moitas vertentes, incrementando así o abano de sectores polos que decantarse unha vez rematada a formación. Por este motivo a oferta é moi ampla, así que creo que os estudos sempre se deberían enfocar a formarse para buscar o camiño de cada un, que cree a distinción para atopar oco no mercado.

4. Que aptitudes e intereses pensas que debe ter unha persoa que se propoña realizar o CFGS de Cerámica Artística?
As aptitudes que considero que se deben ter son a constancia, a perseveranza e a creatividade; e deixar a un lado os medos para atreverse a deixar saír o que cada un pode ofrecer.

5. Sabemos que xa estás aplicando os teus coñecementos no mundo laboral, con IMAVI. Fálanos da túa experiencia, do que fas actualmente.
Ata agora os complementos que realizo son con diversos materiais e técnicas coas que pretendo combinar os coñecementos adquiridos na Escola, afondando na porcelana para elaborar algúns complementos e ter a posibilidade de crear tamén pezas decorativas e funcionais.

6. Cales son os teus proxectos académicos e profesionais para o futuro?
Os proxectos académicos son seguir formándome para ter a liberdade despois de experimentar, atopar tamén o meu camiño no mundo da cerámica.

Preme aquí para visitar a web de IMAVI – Artesanía e Complementos