Os días 18 e 19 de outubro de 2019 celebrarase ‘Audacia’, Festival de Artes e Emprendemento, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

“Ao longo de dúas xornadas, no festival participarán artistas, persoas emprendedoras, alumnado de centros de ensino do ámbito artístico, así como representantes de museos, galerías de arte, academias, fundacións, universidades e outras institucións culturais neste primeiro gran festival de artes contemporáneas e de emprendemento de Galicia, que se inscribe na programación do Xacobeo 2021.

Audacia confórmase así como un espazo de intercambio no que descubrir ideas e procesos de traballo que poñen en valor a ousadía e o risco. E tamén no que artistas e profesionais interesados e interesadas no ámbito do emprendemento, da formación, da empresa ou da economía poidan establecer relacións que confirmen e consoliden a utilidade das artes como actividade económica”.

Máis información

 

Préstache asistir? Apúntate á visita na conserxería da escola antes do venres 4 de outubro. Deberás achegar o teu nome, DNI e datos persoais, así como un teléfono de contacto e mencionar os estudos que cursas. Trátase dunha actividade dirixida a todo o alumnado do centro.

  • Tanto o venres 18 como o sábado 19 de outubro sairemos ás 09:00 da EASD Ramón Falcón. O regreso a Lugo terá lugar ambos días pola tarde/noite, en función do horario de peche de actividades no Gaiás.