Dez compañeiros, estudantes do CFGS de Fotografía na EASD Ramón Falcón de Lugo, viaxaron o pasado 10 de marzo a Santiago de Compostela. Acompañados por dúas profesoras do centro dedicaron a xornada a visitar e fotografar varios dos expoñentes da arquitectura contemporánea máis sobranceiros da capital galega.

O percorrido comezou pola mañá na Cidade da Cultura, concibida polo arquitecto Peter Eisenman. Alí vimos e captamos as prazas, o Museo do Gaiás, a Biblioteca de Galicia… Xusto a continuación tomamos un autobús para achegarnos á dársena de Xoán XXIII, un deseño de Albert Viaplana Helio Piñón; e antes de comer houbo tempo aínda para deternos na Biblioteca Ánxel Casal, de Andrés Perea.

Pola tarde demos un paseo polo casco histórico ata o parque de Bonaval, onde visitamos o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), de Álvaro Siza, con espazo reordenado por Isabel Aguirre. Despois achegámonos ao Campus Norte da USC: alí está o Auditorio de Galicia, de Julio Cano Lasso; a Facultade de Filoloxía, de Alberto Noguerol; e a Facultade de Ciencias da Comunicación, tamén de Álvaro Siza.

A última parada do día foi o Parque de Vista Alegre, gran espazo concibido polos arquitectos César Portela e Arata Isozaki. Tivemos ocasión de fotografar o Centro de Estudos Avanzados e o Museo de Historia Natural, tamén deseñados por Portela; e a Escola de Altos Estudios Musicais, de García Abril. Aproveitando a noitiña visitamos a sede da SGAE e fotografamos a súa espectacular iluminación nocturna.