O deseñador valenciano Pepe Gimeno vén de recibir o Premio Nacional de Deseño 2020 na categoría ‘Profesionais’. Unha noticia que celebramos desde a EASD Ramón Falcón. Gimeno participou na edición 2019 de ‘Conecta’, as xornadas de arte e deseño que organizamos no centro. O seu relatorio ‘Linguaxes no discurso gráfico’ foi presentado e acompañado pola estudante Jessica Mera.

O xurado do galardón expresa que Gimeno representa “de forma indiscutíbel os mellores valores de toda unha xeración de deseñadores, legado fundamental para o deseño español”, sinalándoo como “un dos máis importantes embaixadores do deseño español no mundo”. A brillantez do traballo de Pepe Gimeno foi recoñecida en múltiples ocasións, non só en España senón tamén a nivel internacional.

Nado en 1951, Gimeno é recoñecido como deseñador, tipógrafo e artista plástico. Graduouse na Escola de Artes e Oficios da súa Valencia natal en 1970. A súa obra ten viaxado por todo o mundo, formando parte de numerosas exposicións. Entre moitísimos outros galardóns, recibiu o TDC Communication Design Award do Type Directors Club de New York en seis ocasións e tamén conta con dous certificados do ISTD do Reino Unido.

Desde a EASD Ramón Falcón de Lugo queremos expresar a nosa sincera e efusiva felicitación a Pepe Gimeno. Sen dúbida algunha, un dos grandes mestres do deseño nas últimas décadas.