Desde a EASD Ramón Falcón queremos sumarnos ás mostras de dor e tristura pola morte da gran mestra ceramista Elena Colmeiro. A Asociación Española de Cidades da Cerámica comunica que Elena morreu o pasado 24 de febreiro en Madrid, a súa cidade de residencia, con 89 anos de idade.

Elena Colmeiro era natural de Silleda (Pontevedra). Foi unha das principais pioneiras da cerámica en España, así como unha gran renovadora no ámbito da escultura. Filla do pintor Manuel Colmeiro, Elena formouse na Escuela Nacional de Cerámica de Buenos Aires (Arxentina) entre finais da década dos 40 e principios dos 50. Unha vez concluídos os seus estudos regresou ao noso país, onde desenvolveu o seu labor profesional.

Entre os numerosos recoñecementos que recibiu durante a súa dilatada traxectoria destacan o primeiro premio na Bienal de Arte de Uruguai ou a Medalla de Ouro da Exposición Internacional de Cerámica de Farenza (Italia). Tamén tivo oportunidade de viaxar para traballar en diversos países, como Estados Unidos, China ou Polonia.

En InfoCerámica podedes ver unha interesantísma publicación sobre Elena Colmeiro. Ademais, recuperamos esta entrevista de 2014 en Correo Televisión.