“O que a man fai, a mente recorda”. Foi María Montessori quen escribiu estas palabras, unha acertada visión dos procesos de aprendizaxe. Na EASD Ramón Falcón de Lugo tentamos ensinar e aprender deste modo. Por iso sempre estamos encantados de recibir a profesionais con ampla experiencia e coñecemento nas nosas áreas de interese. Febreiro comezou coa visita de Segundo Fdez, de SOND3.

SOND3 é un pequeno estudio con sede en Lugo, con máis dunha década de traballo en identidade corporativa, deseño editorial e deseño e desenvolvemento web. Segundo falou cos nosos estudantes de terceiro curso de Deseño Gráfico sobre o proceso de creación técnica dunha páxina web. A actividade resultou tan interesante como motivadora; e de seguro servirá como referencia ao alumnado nos seus proxectos presentes e futuros.