O pasado venres 31 de marzo quedou inaugurada unha exposición de obras dos nosos alumnos do Ciclo Superior de Cerámica Artística. Unha mostra que podes visitar en dúas sedes: a Biblioteca Pública de Lugo e a Facultade de Formación do Profesorado.

Escultura, produtos de deseño funcional ou decorativo, aplicacións de xoiería… a exposición contén obras de carácter distinto, en liña coa amplitude de campos do mundo da cerámica. En cada un dos espazos mencionados se exporase unha única obra, que se substituirá por unha nova cada quince días, ata finais do mes de xuño.

Desta maneira, a cidadanía de Lugo poderá coñecer o traballo dos estudantes da EASD Ramón Falcón e achegarse á cerámica artística e artesá. A demanda de produto cerámico de deseño está crecendo de forma exponencial actualmente e resulta de enorme interese para marcas de gran prestixio en sectores como a decoración, a nova cociña ou a arte.