TÍTULO SUPERIOR DE DESEÑO GRÁFICO

Equivalente ao Título Universitario de Grao
4 Cursos Académicos – 240 ects –

A titulación de deseño gráfico ten como obxectivo formar futuros profesionais do deseño no ámbito da comunicación gráfica e visual.

O programa formativo é un sistema educativo interdisciplinar que ofrece tres orientacións distintas no deseño gráfico: deseño editorial, deseño interactivo e deseño audiovisual, onde os estudantes desenvolven de maneira integradora, capacidades artísticas, científicas e tecnolóxicas.

Ao longo destes estudos o alumno adquirirá as competencias necesarias para coordinar, integrar e articular tódolos factores que participan na xeración de novas solucións para a comunicación gráfica e visual.

Que diferencia hai entre un Grao Universitario e un Título Superior de Ensinanzas Artísticas?

Prazas ofertadas por curso académico: 20.
As Ensinanzas Superiores de Deseño constan de catro anos presenciais, de obrigatoria asistencia a clase. Cada curso consta 60 ECTS. Os estudios completos teñen un total de 240 ECTS.

MATRÍCULA

1. A matrícula no primeiro curso das Ensinanzas Superiores de Deseño será de curso completo. Excepcionalmente, a dirección do centro poderá autorizar a matrícula para o primeiro curso dun mínimo de trinta créditos ECTS, sempre por causas xustificadas como compatibilidade laboral, enfermidade grave, conciliación familiar ou outras análogas.

2. Para o segundo, terceiro e cuarto curso das Ensinanzas Superiores de Deseño, o alumnado poderá formalizar a matrícula, sempre cun mínimo de 30 créditos ECTS, ata un máximo de75. Para estes efectos, non se terán en conta os créditos das disciplinas en que o alumnado teña solicitado o recoñecemento de créditos.

3. O alumnado deberá matricularse obrigatoriamente naquelas disciplinas que teñan o carácter de formación básica, e naquelas disciplinas que non teñan superadas, de ser o caso, no curso académico anterior, sen prexuízo do cumprimento dos criterios de promoción.

4. O alumnado matricularase nas prácticas externas (PE) ao comezo do ano académico correspondente, e disporá de dúas convocatorias, ordinaria e extraordinaria, respectivamente, para a superación desta disciplina. Excepcionalmente, o/a xefe/a de estudos do centro poderá autorizar a realización das PE ao alumnado con disciplinas pendentes, sempre que a suma dos créditos asociados a estas non sexa superior a 18.

5. O alumnado matricularase no Traballo Fin de Estudos (TFE) ao comezo do ano académico correspondente, e disporá de dúas convocatorias, ordinaria e extraordinaria respectivamente, para a superación desta disciplina. A avaliación e cualificación correspondente á convocatoria ordinaria realizarase ao remate do segundo cuadrimestre de cada ano académico, e a correspondente á convocatoria extraordinaria realizarase no mes de xullo. De ser o caso, o alumnado que non supere ou non presente o Traballo Fin de Estudos (TFE) no curso escolar en que finaliza os estudos, terá dereito a utilizar as convocatorias correspondentes durante o primeiro cuadrimestre do seguinte ano académico.

6. Excepcionalmente, o/a xefe/a de estudos do centro poderá autorizar a matrícula no Traballo Fin de Estudos (TFE) ao alumnado con disciplinas pendentes, agás que as disciplinas pendentes pertenzan á materia de Proxectos de Deseño Gráfico, Proxectos de Deseño de Interiores, Proxectos de Deseño de Moda e Indumentaria e Proxectos de Produtos e de Sistemas, e sempre que a suma dos créditos asociados a estas non sexa superior a 18.

RENUNCIA DE MATRÍCULA

1. O alumnado das Ensinanzas Superiores de Deseño poderá renunciar á matricula unicamente da totalidade das disciplinas en que se atope matriculado. Dita renuncia realizarase por escrito dirixida á dirección do centro e presentada con rexistro de entrada na secretaría deste, e suporá a perda da condición de alumno/a de dito centro a partir do día seguinte da súa presentación.

2. A perda da condición de alumno/a por renuncia á totalidade da matrícula implicará a perda da praza obtida no centro, e deberá concorrer a un novo proceso de admisión para continuar os seus estudos no mesmo ou diferente centro da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A perda da condición de alumno/a do centro pola renuncia á matrícula na totalidade das disciplinas en que se atope matriculado/a non implicará a devolución dos prezos públicos aboados.

PROMOCIÓN

1. O alumnado das Ensinanzas Superiores de Deseño disporá, con carácter xeral, de catro convocatorias para a superación das diferentes disciplinas integradas nestes estudos, agás nas disciplinas de prácticas externas (PE) e no Traballo Fin de Estudos (TFE), nas cales soamente disporá de dúas convocatorias.

2. As convocatorias establecidas no número anterior computaranse de xeito sucesivo e entenderanse esgotadas tanto no caso de que o alumnado non supere a disciplina como no caso de que non se presente ás probas programadas para a dita convocatoria.

CONVOCATORIA EXTRAORDINARIA (convocatoria de gracia)

O alumnado que esgotase as convocatorias establecidas no número anterior, sen superar a disciplina correspondente, poderá solicitar por escrito, ante a dirección do centro no que estea matriculado, unha convocatoria adicional de carácter extraordinario, por circunstancias especiais que deberá alegar e xustificar documentalmente, sen que se poida alegar como circunstancia especial a falta de rendemento académico.

O prazo para a presentación da solicitude sinalada no número anterior abranguerá os cinco días lectivos seguintes á data de comunicación da cualificación da derradeira convocatoria.

A dirección do centro, unha vez recibida a solicitude de convocatoria sinalada no número anterior, poderá solicitar un informe da xefatura do departamento da especialidade correspondente, en que consten cantas circunstancias se consideren relevantes para a resolución da solicitude, sen que entre estas poida figurar a falta de rendemento académico do/a alumno/a solicitante. Resolverá nun prazo non superior a dez días hábiles.

O alumnado que obteña autorización dunha convocatoria adicional deberá facer uso dela na convocatoria inmediatamente seguinte á data en que fose concedida, sen prexuízo da solicitude da anulación de convocatoria establecida na presente orde, da que o alumnado poida facer uso.

ANULACIÓN DE CONVOCATORIAS

O alumnado poderá solicitar a anulación dunha convocatoria nunha ou varias disciplinas por causa xustificada e acreditada documentalmente mediante escrito dirixido á dirección do centro, ata dez días lectivos antes da sesión de avaliación correspondente á convocatoria, sen que entre ditas causas poida figurar a falta de rendemento académico. A dirección do centro, logo do informe da xefatura de estudos, resolverá o que proceda, nos cinco días lectivos seguintes ao da presentación da solicitude.

A presentación dunha solicitude de anulación de convocatoria fóra do prazo establecido no número anterior só poderá ser admitida por causa de accidente ou enfermidade do/da solicitante, ou causa de forza maior, que será, en calquera caso, xustificada documentalmente e valorada pola dirección do centro.

A concesión de anulación de convocatoria pola dirección do centro implicará que dita convocatoria se considere como non consumida polo/a solicitante, sen prexuízo dos criterios da permanencia nas Ensinanzas Superiores de Deseño establecidos nesta orde. Na acta de cualificación correspondente figurará a anotación AC (anulación de convocatoria).

A solicitude e obtención dunha convocatoria adicional ou dunha anulación de convocatoria por parte do alumnado non afectará o dereito de asistencia ás actividades lectivas periódicas programadas na disciplina correspondente.

PERMANENCIA NA TITULACIÓN

Non se poderá realizar matrícula na mesma especialidade durante máis de oito anos académicos nun centro oficial dependente da Consellería competente en materia de Ensinanzas Artísticas Superiores da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das convocatorias adicionais ou anulacións de convocatoria que lle fosen concedidas. Para estes efectos computaranse todos os anos académicos en que o alumnado teña realizado matrícula, con independencia da eventual renuncia a esta, do número de disciplinas en que se teña matriculado e do número de créditos ECTS asociados a estas.

PLANIFICACIÓN ACADÉMICA ANUAL

No primeiro, segundo e terceiro cursos das Ensinanzas Superiores de Deseño, as actividades lectivas estenderanse ao longo do todo o ano académico, segundo o calendario escolar. A docencia nas disciplinas integradas no cuarto curso impartirase ao longo do primeiro cuadrimestre de cada ano académico, agás no caso das disciplinas de prácticas externas (PE) e o Traballo Fin de Estudos (TFE), que se realizarán ao longo do segundo cuadrimestre de cada ano académico.

RECLAMACIÓNS CONTRA AS CUALIFICACIÓNS

No caso de que o alumnado desexe facer una reclamación contra una cualificación, disporá dun prazo de 2 días, contados a partir do día seguinte ao da comunicación da cualificación, contra as seguintes cualificacións:
a) Probas de acceso.
b) Probas finais ordinarias e extraordinarias.
c) Prácticas externas (PE).
d) Traballo fin de estudos (TFE).

A reclamación poderana presentar cando consideren que a cualificación se outorgou sen a obxectividade requirida debido a:
a) Inadecuación da proba proposta ou dos instrumentos de avaliación aplicados en relación cos obxectivos e contidos da disciplina.
b) Incorrecta aplicación dos criterios de avaliación establecidos na programación didáctica.

No suposto de reclamación contra as cualificacións finais, o director ou directora do centro someteraa ao departamento correspondente. Logo de recibido o informe do departamento, o director ou directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de cinco días, contados a partir da súa recepción.

No suposto de reclamación contra as cualificacións das probas de acceso e do TFE, o director ou directora do centro someteraa ao tribunal avaliador correspondente. Logo de recibido o informe do tribunal, o director ou directora do centro emitirá resolución motivada ao respecto no prazo de cinco días, contados a partir da súa recepción. Para as probas de acceso, o prazo será de dous días.

Contra a resolución do director ou directora do centro, o/a interesado/a poderá presentar recurso de alzada perante a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria correspondente no prazo máximo dun mes a partir da súa notificación. No caso de que o recurso se presente a través do centro, a dirección tramitarao xunto coa documentación correspondente nun prazo non superior a 48 horas. A resolución da xefatura territorial poñerá fin á vía administrativa.

A web (www.escoladeartelugo.com) é un de os medios de información sobre horarios, exames, matrícula, materias, calendario escolar, etc. Con todo, a información última é a que se coloca en os taboleiros de anuncios habilitados na Escola.

Perfil de ingreso recomendado de titulación

A maioría dos estudantes do Título Superior de Deseño Gráfico, equivalente ao título universitario de grado, proceden fundamentalmente de estudios preuniversitarios, bacharelato, selectividade, formación profesional ou outros estudos universitarios.

Os estudantes, despois de superar unhas sinxelas probas de acceso, están capacitados para empezar os estudos de Deseño Gráfico, aínda que certas habilidades e intereses poden resultarlle beneficiosos durante o seu percorrido formativo. A capacidade de observación, a sensibilidade artística, a creatividade e a imaxinación así como unha motivación á hora de empregar novos recursos tecnolóxicos e a capacidade de traballo autónomo e colaborativo, axudarán ao estudante a superar con éxito estes estudos.

Perfil profesional

O deseñador gráfico é un creador con una actividade que ten por obxecto a utilización da linguaxe gráfica para xerar mensaxes e comunicar contidos de natureza diversa con diferentes medios e para as distintas canles de comunicación. Os ámbitos principais onde desenvolve a súa actividade son:

  • Identidade corporativa e visual
  • Deseño editorial
  • Produción gráfica
  • Deseño de envases e embalaxes
  • Dirección de arte en publicidade
  • Deseño audiovisual
  • Grafismo en televisión
  • Deseño multimedia
  • Deseño de interacción, deseño web
  • Deseñador ambiental: gráfica e comunicacións aplicadas ao espazo
  • Deseño de material didáctico
  • Investigación e docencia

Ao finalizar os catro cursos académicos de 60 créditos ECTS cada un, de acordo co sistema europeo de transferencia de créditos, o alumno obterá o Título Superior de Deseño Gráfico.

Este título é de carácter oficial, equivalente a tódolos efectos ao título universitario de Grao, tendo validez académica e profesional en todo o territorio nacional.


Artigo 57. 3 da LOMCE

Lei orgánica 8/ 2013 para a mellora da calidade educativa (LOMCE)

 Artigo 57 Estudos superiores de artes plásticas e deseño

  1. Os estudos superiores de Artes Plásticas, entre os que se inclúen os estudos superiores de cerámica e os estudos superiores do vidro, conducirán ao título Superior de Artes Plásticas na especialidade que corresponda, que queda incluído a todos os efectos no nivel 2 do Marco Español de Calificacións para a Educación Superior e será equivalente ao título universitario de grao. Sempre que a normativa aplicable esixa estar en posesión do título universitario de Grao, entenderase que cumpre este requisito quen estea en posesión do título Superior de Artes Plásticas.

Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores na Comunidade Autónoma de Galicia.

Preme no nome de cada materia para descargar a súa Guía Docente.

1º Curso

Materia Disciplina Carácter Tipo Horas por semana Horas por curso Créditos ECTS
Fundamentos do deseño Fundamentos do Deseño F.B. T.P. 2 72 4
Deseño básico F.B. T.P. 3 108 8
Linguaxes e técnicas de representación e comunicación Debuxo artístico F.B. T.P. 5 180 10
Volume F.B. T.P. 4 144 8
Sistemas de representación F.B. T.P. 2 72 6
Tecnoloxía dixital F.B. T.P. 3 108 6
Historia das artes e do deseño Historia das artes e do deseño F.B. T. 3 108 6
Ciencia aplicada ao deseño Ciencia aplicada ao deseño F.B. T. 2 72 6
Laboratorio de imaxe Laboratorio de imaxe O.E. T.P. 3 108 6
Totais: 27 972 60

2º Curso

Materia Disciplina Carácter Tipo Horas por semana Horas por curso Créditos ECTS
Tipografía Tipografía O.E. T.P. 4 144 6
Cultura do deseño Cultura do deseño F.B. T. 2 72 6
Tecnoloxía aplicada ao deseño gráfico Tecnoloxía dixital aplicada I O.E. P. 4 144 12
Fotografía O.E. T.P. 2 72 6
Produción gráfica O.E. T.P. 2 72 6
Historia do deseño gráfico Historia do deseño gráfico O.E. T. 2 72 6
Proxectos de deseño gráfico Proxectos de deseño gráfico I O.E. T.P. 6 216 12
Optativas Optativa (Narración Gráfica Aplicada / Ilustración) Op. – – 2 72 6
Totais: 24 864 60

3º Curso

Materia Disciplina Carácter Tipo Horas por semana Horas por curso Créditos ECTS
Tecnoloxía aplicada ao deseño gráfico Técnicas audiovisuais e de animación O.E. T.P. 6 216 16
Tecnoloxía dixital aplicada II O.E. P. 2 72 6
Proxectos de deseño gráfico Proxectos de deseño gráfico II O.E. T.P. 6 216 16
Xestión do deseño Organización e lexislación F.B. T. 2 72 4
Optativas Optativa I (Animación Dixital e 3D / Diseño Editorial / Fotografía II / Técnicas de Expresión Gráfica / Teoría da Imaxe) Op. – – 2 72 6
Optativa II (Animación Dixital e 3D / Diseño Editorial / Fotografía II / Técnicas de Expresión Gráfica / Teoría da Imaxe) Op. – – 2 72 6
Optativa III (Animación Dixital e 3D / Diseño Editorial / Fotografía II / Técnicas de Expresión Gráfica / Teoría da Imaxe) Op. – – 2 72 6
Totais: 22 792 60

4º Curso

Materia Disciplina Carácter Tipo Horas por semana Horas por curso Créditos ECTS
Proxectos de deseño gráfico Proxecto interdisciplinar O.E. T.P. – – 72 12
Xestión do deseño gráfico Xestión do deseño gráfico O.E. T. – – 72 6
Prácticas externas O.E. P. – – – – – 12
Optativas Optativa I (Gráfica aplicada ao espazo / Infografía / Publicación Dixital / Deseño Interactivo) Op. – – – – 72 6
Optativa II (Gráfica aplicada ao espazo / Infografía / Publicación Dixital / Deseño Interactivo) Op. – – – – 72 6
Proxectos de deseño gráfico Traballo de fin de grao O.E. T.P. – – 72 18
Totais: – – 360 60

Abreviaturas:

F.B.: formación básica | O.E.: obrigatoria na especialidade | Op.: disciplinas optativas

T:. teórica | T.P.: teórico-práctica | P.: práctica.

Cada disciplina ten asociados un número de créditos ECTS que se lle recoñecerán ao alumnado unha vez as supere. Cada crédito ECTS ten unha equivalencia de 25 horas segundo o establecido no Real Decreto 1614/2009 del 26 de octubre (artículo 4.4º)

O plan de estudos ten unha duración de 38 semanas lectivas completas para cada un dos cursos académicos.

Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores na Comunidade Autónoma de Galicia.

Orde do 30 de setembro de 2010 pola que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en deseño na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o acceso ao dito grao.

Corrección de erros. Orde do 30 de setembro de 2010 pola que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de grao en deseño na Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o acceso ao dito grao.

DESENVOLVEMENTO DO TRABALLO FIN DE ESTUDOS (TFE) – LEXISLACIÓN

As condicións nas que se debe desenvolver o TFE nas Ensinanzas Superiores de Deseño deberán recóllense na Orde do 21 de novembro do 2016, pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidades Autónoma de Galicia.

O alumnado das ensinanzas superiores de Deseño dispón de dúas convocatorias, ordinaria e extraordinaria respectivamente, para a superación do traballo fin de estudos (TFE). (Artigo 10. Matrícula e Artigo 12. Promoción). A avaliación e cualificación correspondente á convocatoria ordinaria realizarase ao remate do segundo cuadrimestre de cada ano académico, e á convocatoria extraordinaria realizarase no mes de xullo. Poderase solicitar a anulación da convocatoria por causa xustificada e acreditada documentalmente, mediante escrito dirixido á dirección do centro, ata dez días lectivos antes da sesión de avaliación correspondente á convocatoria.

O TFE ven regulado no capítulo VIII, Traballo de fin de estudos (TFE), onde o artigo 35 recolle os aspectos xerais, o artigo 36 o seu desenvolvemento e o artigo 37, a organización, supervisión, tutela e cualificación. A continuación recóllese a lexislación vixente.

DATAS DE PRESENTACIÓN DO TRABALLO FIN DE ESTUDOS (TFE)

Convocatoria xuño

– Presentación de proposta de TFE + petición de titores: Aula 8 / Salón de actos, martes 7 de febreiro de 2017, 10:00.

– Publicación de titores: Secretaría, xoves 9 de febreiro de 2017, 10:00.

– Entrega do TFE:  Secretaría, venres 2 de xuño de 2017, ata as 14:00.

– Proba técnica de correcta visualización do TFE: Aula 8 / Salón de actos, data a concretar co titor ou cun membro do tribunal*.

– Defensa: Aula 8 / Salón de actos, mércores 7 de xuño de 2017, 09:00.

– Comunicación de cualificacións: Secretaría, mércores 9 de xuño de 2017, 13:00.

– Reclamacións: Departamento Deseño Gráfico (Aula 13) (reunión cun ou máis membros do tribunal), luns 12 de xuño de 2017 de 16:00 a 17:00 e martes 13 de xuño de 2017 de 10:00 a 11:00.

*Para axilizar a proba técnica o alumno coordinarase co seu titor ou porase en contacto cun dos membros do tribunal polo menos dous días antes da presentación.

O tribunal:
1. Natalia Crecente García
2. Cristobal Novoa González
3. Belén Carracedo
4. Vanessa Nistal

Convocatoria xullo

– Entrega do TFE: Secretaría, venres 7 de xullo de 2017, ata as 14:00. 

– Proba técnica de correcta visualización do TFE: Aula 8 / Salón de actos, data a concretar co titor ou cun membro do tribunal*.

– Defensa: Aula 8 / Salón de actos, mércores 12 xullo de 2017, 09:00.

– Comunicación de cualificacións: Secretaría, venres 14 de xullo de 2017, 13:00.

– Reclamacións: Departamento Deseño Gráfico (Aula 13) (reunión cun ou máis membros do tribunal), luns 17 de xullo de 2017 de 10:00 a 11:00 e martes 18 de xullo de 2017 de 10:00 a 11:00.

*Para axilizar a proba técnica o alumno coordinarase co seu titor ou porase en contacto cun dos membros do tribunal polo menos dous días antes da presentación.

O tribunal:
1. Natalia Crecente García
2. Cristobal Novoa González
3. Belén Carracedo
4. Vanessa Nistal

PROPOSTA DE TRABALLO FIN DE ESTUDOS (TFE) 

A proposta de TFE é un documento escrito, que excepcionalmente poderá conter imaxes ou bosquexos, onde o autor debe expresar con claridade e brevidade a idea central do traballo que propón, o obxectivo que persigue, os ámbitos do deseño gráfico no cal se inscribe e o plan de traballo previsto. O proxecto deberá ser orixinal e inédito.

O alumnado que presente unha proposta de TFE deberá cubrir o modelo de documento, que se lle adxunta no anexo 1 deste documento, e entregalo o día da presentación.

Neste documento tamén se indicarán a elección de titores, por orde de preferencia e tendo en conta que os profesores con dispoñibilidade horaria para tales efectos son:

1. Jose Antonio Cruz Lago
2. Silvia López Costa

Aquel alumno que solicite ser tutelado por outro profesor que non forme parte do tribunal deberá pórse en contacto con el e ter o seu consentimento. Ese consentimento terá que ser recollido por escrito e entregado ao tribunal no momento da presentación da idea.

A presentación da proposta, obrigatoria para todo o alumnado, farase mediante exposición oral ante o tribunal na forma e durante o tempo que este estableza (non mais de 15 minutos) e coa achega da documentación solicitada.

O alumno que por circunstancias especiais non poida asistir o día da presentación, deberá facer unha autorización por escrito a un compañeiro para que este poida entregar a no seu nome o proxecto.

O tribunal valorará a proposta presentada tendo en conta:

1. O seu interese global, con atención ao seu valor de utilidade, estético, formal e estrutural, así como a orixinalidade da formulación.
2. A posibilidade de realización efectiva do proxecto, nos prazos establecidos e cos medios e instalacións con que se conta.

No caso de que o tribunal constituído para o efecto non admita a proposta, o alumno deberá introducir as modificacións oportunas ou ben presentar unha nova proposta nun prazo fixado polo tribunal. 

A asignación de titor publicarase na táboa de anuncios de deseño gráfico.

Alumnos con disciplinas pendentes:
Os alumnos con disciplinas pendentes, sempre que a suma dos créditos asociados ás mesmas non sexa superior a 18 ECTS, terán que presentar unha solicitude de autorización de realización do TFE ante a xefatura de estudos.

No anexo 3 deste documento recóllese o modelo desta solicitude.

CRITERIOS DE AVALIACIÓN DO TRABALLO FIN DE ESTUDOS (TFE)

A avaliación do TFE consistirá na constatación dos coñecementos que o alumnado amose dos contidos propios da especialidade, e da valoración do nivel acadado nas competencias transversais, xerais e específicas establecidas para esta disciplina no anexo I do Decreto 172/2015, do 29 de outubro. [Artigo 36, punto 4 da Orde do 21 de novembro de 2016]

O tribunal avaliará os TFE atendendo ós seguintes catro apartados e a correspondente ponderación:

1. Memoria xustificativa e descritiva: 20% da nota.
2. Proxecto gráfico: 50% da nota.
3. Defensa realizada ante o tribunal: 20% da nota.
4. Informe do titor: 10% da nota.

O tribunal considerará cada un deste aspectos e emitirá unha nota valorativa seguindo os criterios de avaliación especificados a continuación. A cualificación do TFE será a media aritmética das cualificacións emitidas polos/as integrantes do tribunal presentes na sesión de cualificación. Esta cualificación expresarase en termos numéricos do 0 ao 10, cun decimal e consideraranse positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco e negativas as restantes. [Artigo 37, punto 5 e 6 da Orde do 21 de novembro de 2016].

1. Memoria xustificativa e descritiva.
1.1. Memoria xustificativa.
Neste apartado hai que expoñer claramente o problema de comunicación visual que se pretende solucionar, respondendo ás preguntas básicas: Que?, Por que?, Para que?, para poder xustificar as decisións conceptuais, formais e estéticas que se desenvolvan no proxecto. (Briefing)

É necesario contextualizar a proposta gráfica tendo en conta tanto os seus antecedentes históricos como os referentes contemporáneos, resaltando as características que a singularizan. Estas referencias poden ser visuais, sonoras, literarias, filosóficas, culturais ou doutro tipo. Redactaranse seguindo as normas de calquera traballo de investigación (citar correctamente ós autores).

Tamén é necesario ter en conta aqueles aspectos legais que poidan afectar os contidos do proxecto, tanto no proceso de realización como na súa aplicación posterior no contexto que lle corresponda.

Finalmente, elaborarase un presuposto que permita valorar a viabilidade da proposta e un resumo da mesma en francés ou inglés [Artigo 35, punto 3 da Orde do 21 de novembro de 2016]

1.2. Memoria descritiva
Neste caso hai que describir e xustificar os procesos de elaboración do proxecto e os resultados finais en base ós condicionantes comunicativos, funcionais, estéticos e estruturais especificados no briefing.

É conveniente amosar unha visión evolutiva dos sucesivos pasos do proceso de busca e realización de bosquexos, debidamente comentados, para demostrar a pertinencia e calidade das solucións aplicadas.

Convén especificar os recursos técnicos e os materiais empregado. É fundamental que todas as propostas gráficas se axusten ós requisitos técnicos industriais vixentes, de xeito que estean preparadas para ser impresas ou fabricadas sen problemas.

Os criterios de avaliación do apartado 1. Memoria xustificativa e descritiva son os seguintes:

1. A coherencia co anteproxecto presentado.
2. A metodoloxía da investigación levada a cabo para, a partir das conclusións acadadas, realizar a súa proposta.
3. A lóxica na estruturación do proxecto, a coherencia interna entre as distintas partes, tanto conceptual como formalmente
4. A calidade gráfica, prestando especial atención ós aspectos referentes á maquetación da memoria.
5. A riqueza conceptual e a capacidade de argumentar e defender o seu proxecto dende o punto de vista descritivo, compositivo, técnico, estético e comunicativo.
6. A pertinencia e orixinalidade das solucións adoptadas.
7. A vontade de investigar e progresar no campo do deseño gráfico.
8. A adecuación dos materiais e as decisións adoptadas en relación ós procesos necesarios para a elaboración do produto.
9. A corrección sintáctica, gramatical e ortográfica na redacción e o uso do vocabulario técnico propio do campo profesional.

2. Proxecto gráfico.
Refírese á presentación de todo o material gráfico que conforma a solución que o alumno propón ó problema de comunicación gráfica que presentou no anteproxecto. Pode estar formado por elementos gráficos en dúas e tres dimensións, físicos ou virtuais, elementos audiovisuais e calquera outra solución gráfica que sexa necesaria e pertinente.

Os criterios de avaliación do apartado 2. Proxecto Gráfico son os seguintes:

1. A resolución técnica, a adecuación metodolóxica e o cumprimento dos condicionantes establecidos.
2. A coherencia interna entre as distintas partes do proxecto.
3. A riqueza conceptual, a creatividade e a sensibilidade estética .
4. A orixinalidade da proposta, a ambición do proxecto.
5. A correcta aplicación e integración dos coñecementos adquiridos nas diversas materias que conforman o currículo da especialidade.
6. A aplicación de procedementos metodolóxicos correctos.
7. O uso axeitado das ferramentas técnicas empregadas.
8. O seguimento de criterios funcionais e prácticos razoables e compatibles coa proposta realizada.
9. O rigor, orde e limpeza na presentación dos contidos.

3. Defensa do proxecto.
A defensa do proxecto ten que ser unha presentación visual e oral do proxecto, resumida, estruturada, clara, intelixible e adaptada ó tempo de exposición establecido (máximo 20 minutos).

O alumno ten que amosar e argumentar o seu proxecto diante do tribunal (que cumpre a función do hipotético cliente) para que este comprenda correctamente o traballo realizado, destacando aqueles aspectos máis significativos e innovadores. Esta sesión é publica e pode asistir toda persoa interesada.

Para asegurar unha correcta defensa do proxecto recoméndase realizar unha comprobación técnica no ordenador da Aula 8 /salón de actos. Para axilizar este proceso recoméndase unha coordinación co titor ou cun membro do tribunal polo menos dous días antes da presentación.

No caso de que se necesitase algún recurso especial (de son, conexión a Internet, adaptador,…) débese consultar con antelación a dispoñibilidade e solicitalo formalmente, ben directamente ó tribunal, ben a través do titor.

Os criterios de avaliación do apartado 3. Defensa do proxecto son os seguintes:

1. A claridade e precisión na defensa oral, evitando unha linguaxe imprecisa ou vulgar, así como divagar ou xeneralizar sen abordar de xeito directo os contidos reais do proxecto.
2. O emprego correcto da terminoloxía técnica propia do campo profesional.
3. O rigor, orde e claridade na exposición dos contidos.
4. O desenvolvemento dun discurso lóxico e coherente que explique o sentido xeral do proxecto así como a pertinencia de cada unha das propostas gráficas presentadas.
5. A aplicación dos recursos de exposición e argumentación aprendidos nas diferentes materias que conforman o currículo da especialidade.
6. A organización e planificación da sesión, atendendo ás necesidades loxísticas e ó correcto uso do tempo adxudicado.

4. Informe do titor.
O tribunal prestará atención ó informe que cada titor presentará sobre os proxectos tutelados. Este informe será entregado polo titor o día da entrega do TFE.

O anexo 2 deste documento contén o modelo a seguir.

Son funcións do/a titor/a do TFE:

1. Asesorar ao alumnado sobre a idoneidade da proposta.
2. Orientar o desenvolvemento do proxecto nas súas diferentes fases.
3. Informar o alumnado sobre a idoneidade da presentación do TFE
4. Informar ao tribunal dos aspectos máis relevantes do TFE e do seu desenvolvemento.
5. Elaborar e entregar ao tribunal o informe de tutela do alumno

5. Condicións de entrega.
A memoria xustificativa e a memoria descritiva do TFE entregaranse en soporte dixital e impreso en formato Din A4.

O TFE susceptible de ter testemuño gráfico, ademais de ser entregado en soporte dixital, tamén terá que ser impreso.

Todo o TFE entregarase en soporte dixital (CD, DVD ou memoria USB preferiblemente), no formato orixinal do software empregado e .pdf, así como outros formatos estándar que fosen necesarios (vídeo, web…). O alumno terá que entregar: 

1. memoria xustificativa e descritiva
2. proxecto gráfico
3. arquivo de presentación da defensa pública do TFE
4. panel para exposición, tamaño Din A0 vertical (118,9 x 84,1cm)

Sempre que estea xustificado en función das características e necesidades do proxecto, poderase presentar outros elementos do TFE en soporte e formatos alternativos (modelos, maquetacións, elementos volumétricos, impresións serigráficas, etc.)

O conxunto do TFE deberá ser correctamente presentado nun único contenedor, para evitar a dispersión das distintas pezas, e debidamente identificado co nome do autor, título do proxecto, convocatoria e unha breve descrición do mesmo.

6. Indicacións para a realización do panel da exposición.
O panel en tamaño Din A0 preparado para a sala de exposicións da Escola deberá funcionar a modo de presentación-resumo visual do proxecto.

Debe figurar o nome e o tema do proxecto, o nome do autor, un pequeno texto explicativo e unha selección significativa de imaxes. Todo debe compoñerse dun xeito claro e atractivo, adecuado para ser visualizado a distancia e ao seu tamaño.

As condicións técnicas do cartaz son as seguintes:
1. formato .jpg ou .pdf
2. tamaño Din A0 vertical (118,9 x 84,1cm)
3. resolución 300 ppp

7. Recollida do TFE
Para poder recoller o TFE deberá de transcorrer un ano académico e realizarase mediante unha solicitude na secretaría da Escola (Anexo 4).

O día de recollida do TFE deberase cubrir o impreso de entrega para poder ser adxuntado ao expediente do alumno (Anexo 5).

ANEXOS

As prácticas en empresas están orientadas a desenvolver as competencias requeridas nos diferentes ámbitos profesionais para os que prepara o título de grao. O período de prácticas externas conta como mínimo con 12 créditos ECTS.
A través das prácticas en empresas establécese unha ponte entre os mundos académicos e profesional para incorporar á profesionalidade as transformacións económicas, tecnolóxicas e a sensibilidade social que están tendo lugar de maneira incesante.
O obxectivo é asumir a realidade profesional para completar a formación académica coa realización de tarefas de responsabilidade, de acordo co nivel de formación do alumnado e tomar contacto co mundo do traballo e co sistema propio de relacións sociais, laborais e técnicas.

  • Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.
  • Orde do 21 de novembro de 2016 pola que se regula a ordenación das ensinanzas artísticas superiores de Deseño en desenvolvemento do Decreto 172/2015, do 29 de outubro, polo que se establece o plan de estudos das ensinanzas artísticas superiores de Deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.