Pensaches algunha vez en probar a experiencia Erasmus+ e non te animaches? Tes algunha dúbida ou pregunta que che gustaría propoñer a persoas que xa o fixeron? Este venres 16 de marzo terás a oportunidade perfecta para coñecer todo aquilo que sempre quixeches saber sobre este programa. Desde as 10:00 no Salón de Actos da EASD Ramón Falcón de Lugo, escoitaremos e falaremos con profesores e alumnos que gozaron de estancias no estranxeiro neste mesmo curso.

Por parte do profesorado contaremos con Pablo Ferreiro-Mazón, Xefe do Departamento de Deseño de Interiores, que participou a principios de outubro nun Programa de Mobilidade Erasmus+ na University of Jordan, en Ammán, a capital de Xordania, formando parte dun grupo de profesores de Facultades de Belas Artes, Escolas de Restauración de Bens Culturais, Escolas de Arte e Escolas Superiores de Deseño de diversos lugares de España. Tamén estarán Natalia Crecente e Eva Valle, que fixeron o propio na Universidade de Artes de Tirana (Albania).

Ademais, teremos ocasión de conversar con Laura Cano e Abraham García, alumnos da escola que acaban de regresar da súa experiencia en Albania.