Desde o pasado 12 de abril e ata o venres 1 de xuño, podes visitar na Galería Vilaseco da Coruña a exposición ‘Esgazados’, unha mostra das obras de Formabesta. Este colectivo artístico está formado por dous antigos alumnos do CFGS de Cerámica Artística da EASD Ramón Falcón, Salvador Cidrás e Vicente Blanco, acompañados por Juan Cidrás.

Formabesta é un colectivo de artistas formado por Salvador Cidrás, Juan Cidrás e Vicente Blanco que explora os límites dos medios cerámico e téxtil desde unha perspectiva escultórica, centrándose nas formas e texturas da paisaxe e a arquitectura do seu entorno máis próximo.

En Esgazados poderás ver pezas de cerámica inspiradas nas construcións da Galicia rural, con variedade de tamaños e complexidade de formas. Ademais, tamén coñecerás unha orixinal proposta para incorporar traballos téxtiles ao mundo da arte.

A Galería Vilaseco está situada na Rúa Padre Feijoó, 5-1º da Coruña. O seu horario de apertura é de luns a venres, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30.