Unha vez máis, temos que falarvos do éxito dalgúns dos nosos alumnos nun concurso relacionado cos contidos e as inquietudes que desenvolvemos na EASD Ramón Falcón de Lugo. Desta volta trátase de María Penalonga e José Marcos López, que veñen de gañar o primeiro e o segundo premio na primeira edición do concurso de fotografía ‘Olladas de San Froilán’, organizado polo Concello de Lugo.

A fotografía ‘Sobre el Backstage’ valeulle a María para gañar o primeiro premio, dotado con 750 euros. Pola súa parte, José Marcos conquistou o segundo, dotado con 600 euros, cunha imaxe titulada ‘Un pé na Lúa’. Así o quixo un xurado composto polos fotógrafos profesionais José Reigosa, Jose Luis Pradero e Pepe Álvez. Os nosos dous compañeiros recibiron os seus premios en forma de vales para cambiar por material fotográfico. José Marcos compartiu varias das fotos coas que participou no certame no seu blog persoal.

O pasado mes de novembro xa vos falamos doutros estudantes da escola premiados noutros concursos, como o ‘Mondoñedo en detalles arquitectónicos’, o XXII Maratón Fotográfico do Campus Terra ou o IV Concurso de fotografía ‘Estampas de paz e acougo’.