Pensaches en estudar Deseño de Interiores ou Deseño Gráfico na EASD Ramón Falcón de Lugo no curso 2019/20? Xa coñecemos datas e lugares das probas de acceso a estes estudos.

O período de inscrición nas probas de acceso vai desde o 14 de maio ata o 7 de xuño, ambas datas incluídas. A proba de madureza celebrarase o 17 de xuño no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela. A proba específica terá lugar o día 3 de xullo na EASD Pablo Picasso, en A Coruña.

Resolución do 29 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan as instrucións para o acceso e a admisión do alumnado ás Ensinanzas Superiores de Deseño para o curso 2019/20.

Con carácter xeral, as solicitudes deberán realizarse de xeito telemático cubrindo o formulario dispoñible en www.edu.xunta.es/reximeespecial e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365. Non obstante, tamén se poderá formalizar a inscrición directamente nas secretarías das escolas de arte e superiores de deseño. As persoas aspirantes que só dispoñan de pasaporte deberán realizar a inscrición nas secretarías das escolas.

Non sabes en que probas precisas inscribirte? Queres saber en que consiste cada unha delas? Aquí tes toda a información.

Ademais, para axudarte a preparala, elaboramos unha guía para a realización da primeira parte da proba específica de acceso ás Ensinanzas Superiores de Deseño. Preme aquí para descargar a guía en formato PDF.

Tes máis dúbidas? Ponte en contacto con nós e resolverémolas.