Unha das primeiras datas marcadas en vermello no calendario escolar da EASD Ramón Falcón de Lugo é sempre o 24 de outubro. É a festividade de San Antonio María Claret, patrón das Ensinanzas Artísticas. Como é tradición, na escola aproveitamos ese día para celebrar o comezo do curso, a nosa particular ‘Conexión’.

Ás 19:00 do xoves 24 de outubro inauguraremos na escola a exposición cos vosos traballos do curso pasado. Xusto a continuación, levaremos a cabo a entrega dos Premios Extraordinarios das distintas titulacións, así como a Mención de Honra á Creatividade e a Innovación.

Como colofón aos actos ofreceremos un ágape na cafetería, gozando ademais dunha selección musical a cargo de Charly DJ.