Este martes 19 de febreiro ás cinco da tarde, no Vello Cárcere de Lugo, e dentro das xornadas #ConectaLugo que organiza a EASD Ramón Falcón de Lugo, teremos o privilexio de contar co fotógrafo lucense Carlos Valcárcel. O seu relatorio leva por título Carlos Valcárcel, a súa obra no século XX.

Carlos Valcárcel naceu en Lugo en 1929. Desde neno gustoulle o mundo do debuxo e a banda deseñada, pero pronto tivo que poñerse a traballar e permaneceu en Lugo. É nos anos cincuenta cando se inicia no mundo da fotografía, lendo os poucos libros que había dispoñibles naquela época. Tamén intercambiando coñecementos e experiencias con outro fotógrafo lucense, o seu amigo Hipólito Galán, e con outros membros da Agrupación Fotográfica Lucense.

Nos anos sesenta e setenta do século XX a súa actividade é incesante, obtendo multitude de premios nacionais e internacionais. Pero lonxe dos centros editoriais e da prensa, limita a súa proxección a centros artísticos importantes e exposicións relevantes.

A súa mirada, que fai inconfundibles as súas imaxes fotográficas, centra o seu interese nos aspectos antropolóxicos, rexistrando as paisaxes, as xentes e os seus costumes, con poucos elementos. Lembra aqueles encadres da banda deseñada, que tanto lle gustaron e que resolve relacionándoos coa ironía ou a abstracción nun branco e negro cheo de matices, revelado por el mesmo, con fórmulas químicas froito da súa propia experimentación.

A vangarda naquel momento en España eran Masats, Cualladó, Pérez Siquier, Maspons, Ontañón, Schommer… que despois serán os grandes mestres da fotografía española. E aí, xunto a eles, está Carlos Valcárcel. Así o considera a prestixiosa historiadora francesa da fotografía Marie Loup Sougez na súa Historia da Fotografía.

Xa con 75 anos, Valcárcel incorpórase á fotografía dixital. E agora, con 90, está ultimando a saída dun libro con parte do seu traballo. En #ConectaLugo teremos a oportunidade de falar cun dos grandes mestres da fotografía. Será o martes 19 de febreiro, ás cinco da tarde, no Vello Cárcere.