O estudio dos materiais é unha parte fundamental da formación que adquiren os nosos estudantes de Deseño de Interiores. Esa foi a inquietude que nos levou a visitar a innovadora empresa A-Vida o pasado luns 11 de febreiro. Dentro do bloque de contidos correspondente aos materiais pétreos artificiais, achegámonos ás súas instalacións para coñecer de primeira man o seu espectacular potencial creativo.

A-Vida vén de revolucionar o mundo dos microcementos desde un enfoque artesanal. Nerea mostrounos o seu amplo catálogo de microcementos e iluminación. Tamén nos explicou con todo detalle os procesos de fabricación do produto, a súa aplicación e as súas vantaxes. Ademais do exquisito local, situado nas antigas instalacións do hostal París da praza Conde Fontao, na zona da estación de tren de Lugo, visitamos a nave de produción. Un auténtico luxo para espremer un par de horas repletas de aprendizaxe.