No convulso proceso de implantación do futuro Grao en Deseño e Creación en Pontevedra para o curso 2020-2021, a comunidade educativa das Escolas de Arte e Superiores de Deseño (EASDs) de Galicia -dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional- está asistindo con perplexidade á serie de declaracións verquidas desde o mes de xuño por membros da Universidade de Vigo na prensa galega, xustificando a oferta deste novo grao na necesidade de dar resposta á demanda social duns estudos superiores de deseño de nivel universitario, segundo eles, inexistentes aínda en Galicia.

O certo é que xa desde 2005 a rede de EASDs de Galicia impartiu os Estudos Superiores de Deseño, equivalentes ás antigas diplomaturas, e desde 2010 está impartindo as Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño, equivalentes a grao universitario, nas especialidades de deseño gráfico e deseño de interiores na EASD Antonio Faílde de Ourense, EASD Pablo Picasso de A Coruña e EASD Ramón Falcón de Lugo, e deseño de moda e deseño de produto na EASD Mestre Mateo de Santiago, provendo ao sector produtivo e á sociedade en xeral de profesionais titulados nuns estudos superiores de deseño financiados con fondos públicos.

É importante salientar que desde a publicación da LOE no seu artigo 45 e seguintes, no Real Decreto 1614/2009 de 26 de outubro, polo que se establece a ordenación das Ensinanzas Artísticas Superiores de música, danza, arte dramático, conservación e restauración de bens culturais, artes plásticas e deseño, a educación superior no Estado Español xa non é competencia exclusiva das universidades, senón tamén das escolas superiores das especialidades antes enunciadas.

O Título Superior obtido ao finalizar estas ensinanzas está incluído no nivel 2 do Marco Español de Cualificaciones para la Educación Superior e é equivalente ao título de grao universitario, a todos os efectos, como recolle o Artigo 8 do Real Decreto 21/2015 de 23 de xaneiro. Estes estudos de catro anos e 240 ECTS teñen una matrícula moi accesible en termos económicos, unha baixa ratio de alumnado/profesorado (1/10) nas disciplinas prácticas e teórico-prácticas e funcionan con notable éxito de alumnado, elevados índices de inserción laboral, e alto grao de recoñecemento por parte do sector produtivo e profesional. A excelencia dos Traballos Finais de Estudo do seu alumnado ten sido recoñecida con premios de prestixiosas asociacións profesionais estatais e internacionais como ADG-FAD ou AD&D.

Os claustros de profesorado das catro EASDs galegas están compostos por profesionais docentes con formación actualizada nas súas respectivas especialidades, entre os que se contan numerosos doutores en Belas Artes, Comunicación Audiovisual, Historia da Arte, etc.

Por outra parte, a Rede de EASDs de Galicia obtivo o certificado de calidade ER-0225/2019, ISO 9001, da axencia AENOR, un selo que acredita a consolidación dun sistema de xestión de calidade nas escolas que integran a rede. O certificado é ademais un recoñecemento á excelencia das ensinanzas que imparten e á formación artística dos futuros profesionais das artes plásticas e deseño. Ademais, o Título Superior de Deseño da rede de EASDs de Galicia está sometido á avaliación da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

Actualmente as EASDs están impulsando a fase de estudo para o desenvolvemento e próxima implantación dos seus propios estudos de posgrao: o Mestrado en Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño.

Desde a Rede de EASDs de Galicia esiximos respecto á labor desenvolvida estes anos nas Ensinanzas Superiores de Deseño que, pensamos, ten dado nos últimos anos e continúa a dar na actualidade, resposta adecuada ás demandas do ámbito produtivo e da sociedade en xeral ao respecto. Pedimos aos promotores do novo grao e aos voceiros da Universidade de Vigo que non confundan á opinión pública e sexan rigorosos nas súas declaracións e aos medios de comunicación, que contrasten as informacións antes de redactar titulares que non se corresponden coa realidade e causan desinformación na sociedade.

EASD Antonio Faílde de Ourense
EASD Pablo Picasso da Coruña
EASD Ramón Falcón de Lugo
EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela