O pasado mércores 5 de febreiro, o alumnado de primeiro e segundo curso da especialidade de Deseño de Interiores da EASD Ramón Falcón tivo a oportunidade de compartir unha xornada cos seus compañeiros da EASD Pablo Picasso.

O día comezou coas presentacións dos traballos que se veñen realizando durante o curso nas materias de Instalacións I, Construción I, Tecnoloxía Dixital Aplicada I e Proxectos I nos dous centros. Isto permitiunos compartir impresións e intercambiar distintos puntos de vista.

A continuación, Fernando Martínez e Miguel Carballido fixéronnos gozar co Deseño do Cotián, a través dun dinámico percorrido polos seus proxectos de locais, vivendas e equipamentos.

Pola tarde recibíronnos no showroom que Boffi Studio ten na rúa San Andrés. Este edificio modernista acolle nas súas catro plantas algunhas das máis exclusivas pezas de Boffi e De Padova.

En definitiva, foi unha xornada moi intensa, cun encontro realmente enriquecedor. E por suposto, agora temos que devolver a invitación aos nosos compañeiros da Pablo Picasso!