Termos un xigante empresarial a pouco máis dunha hora de traxecto é unha oportunidade que non podiamos perder. Como ben sabedes, Inditex é un dos maiores grupos de distribución de moda do mundo: conta con oito formatos comerciais con máis de 7.000 tendas en 88 mercados de cinco continentes e cunhas vendas que superaron os 20.900 millóns de euros no pasado exercicio económico, todo un exemplo de éxito no mundo das vendas.

O mundo Inditex circula arredor da moda pero as súas entrañas supoñen todo un exemplo de funcionamento dunha grande empresa a todos os niveis: desde o organizativo ou loxístico ao comercial ou creativo pasando, como non podía ser doutro xeito nunha corporación onde as tendas físicas son o centro de actividade, ao deseño de interiores.

Eis o obxectivo dunha das visitas que a semana pasada organizamos desde a escola: presentar aos alumnos de 2º a 4ª curso de Deseño de Interiores un dinámico modelo de negocio baseado nunha eficiente loxística que permite dar unha rápida resposta ás demandas dos clientes, levando novos produtos a todas as súas tendas dúas veces por semana.

Coa visita á sede central, localizada na vila coruñesa de Arteixo, puidemos coñecer a importancia do traballo en equipos multidisciplinares, sendo testemuñas de reunións abertas e tamén on-line durante a visita. Tamén comprobamos a necesidade para o Grupo de fomentar unha comunicación aberta, unha cuestión que se manifesta na organización física do espazo: zonas de traballo diáfanas que permiten constantes fluxos de información desde as persoas que a reciben cara aos profesionais do deseño ou da produción.

O elemento clave desta organización é a tenda, polo que deseño, fabricación, loxística e venda viran ao redor dela. Tivemos a oportunidade de visitar as tendas piloto de Zara e Zara Home, dúas das marcas comerciais da firma, nas que se ensaian desde os materiais, a iluminación, o mobiliario e ata a forma na que se exhibirán os produtos en todas as súas tendas.

Como colofón á visita, revisamos tamén diferentes propostas dos escaparates piloto de Zara que se reproducen, con exactitude, nas fachadas das súas tendas en todo o mundo.