Gozar do mundo da arte e todo o que nos achega é algo beneficioso para calquera persoa. Pero para artistas e deseñadores esta actividade ten evidentes e valiosos engadidos profesionais. Sempre é positivo observar aos mellores mestres, analizar as súas obras, as súas ideas e os seus procesos. Algúns museos están entre os lugares máis axeitados para aprender cousas novas sobre deseño. A modo de miniguía, e tentando escoller cidades en distintos países e continentes, queremos falarte de cinco museos que deberían estar na túa lista de visitas obrigadas… polo menos, unha vez na vida 😉
.

1. Cooper–Hewitt (New York, Estados Unidos)

O Cooper-Hewitt é o único museo dos Estados Unidos dedicado á historia do deseño e ao deseño contemporáneo. Foi fundado hai máis dun século, en 1897. Está organizado en catro departamentos: Artes Aplicadas e Deseño Industrial, Papel Mural, Téxtil e Debuxos e Copias. O museo conta ademais cunha biblioteca impresionante, con varias decenas de miles de materiais. Tamén é a sede da gala dos National Design Awards, que este ano terá lugar no mes de outubro.

.

2. Gallery of Australian Design (Canberra, Australia)

En Canberra, a capital de Australia, atopamos a Galería do Deseño Australiano, que nos permite achegarnos á historia e o presente do deseño no país oceánico. Non podemos deixar de facer referencia tamén a Object: Australian Design Centre, situado en Darlinghurst, suburbio de Sydney. Neste 2015 celebra o seu 50 aniversario, como sempre comprometido co seu obxectivo de explorar o potencial do deseño na vida cotiá.
.

3. Design Museum (Londres, Reino Unido)

A pesar da súa xuventude, pois abriu as súas portas no ano 1989, o Design Museum de Londres xa é todo un referente europeo e mundial. Acolle obras dun amplo abano de disciplinas: deseño industrial, arquitectura, moda, deseño gráfico… Como curiosidade, debes saber que o edificio do museo era antes un almacén de plátanos. Os encargados da reforma foron os prestixiosos arquitectos Conran & Partners.


.

4. ArtScience Museum (Singapur)

Este moderno museo, fundado no ano 2011, impresiona a primeira vista. O edificio ten forma de flor de loto, un símbolo nacional en Singapur. Aínda que está a dar os seus primeiros pasos, a ambiciosa aposta que hai detrás deste proxecto invita a confiar no seu crecemento a moi curto prazo. O ArtScience Museum propón explorar a creatividade a través da ciencia, a arte, o deseño, a arquitectura, a tecnoloxía…


.

5. Museu del Disseny (Barcelona)

E por suposto, era obrigado facer unha parada no noso país. O Museu del Disseny xurdiu a partir da integración das coleccións do Museu de les Arts Decoratives, o Museu de Ceràmica, o Museu Tèxtil i d’Indumentària e o Gabinet de les Arts Gràfiques de Barcelona. Conta con máis de 70.000 obxectos clasificados como artes decorativas ou artes aplicadas, desde o século IV ata os nosos días, desde artesanía preindustrial ata produtos dixitais.