Febreiro de 2019 é o mes de Conecta. Un ano máis, desde a EASD Ramón Falcón de Lugo organizamos as nosas xornadas de arte e deseño, abertas ao público xeral. Entre os días 11 e 28 de febreiro, as instalacións da escola e do Vello Cárcere acollerán relatorios e obradoiros nos que teremos a oportunidade de aprender de referentes de prestixio en distintas áreas de coñecemento.

Fabiola Gil, Antonio Vivas Zamorano, Pepe Gimeno, Carlos Varcárcel, Bernardo Sanjurjo, Fernanda Álvarez, Uqui Permui, Fermín Santos e María Sortino son os nosos convidados nesta edición de Conecta. Con eles trataremos distintos aspectos relacionados con todas as disciplinas ligadas aos estudos que se imparten na escola: Deseño de Interiores, Gravado, Serigrafía, Deseño Gráfico, Cerámica e Fotografía. A inauguración institucional das xornadas está prevista para as 17:00 do xoves 14 de febreiro no Vello Cárcere, xusto antes dos dous primeiros relatorios.

Unha das grandes novidades desta edición serán os sorteos. En cada sesión sortearemos entre os asistentes camisetas deseñadas e serigrafiadas polos estudantes da escola.

Préstache participar en Conecta? Podes compartir as túas impresións, comentarios, fotografías e vídeos das xornadas nas redes sociais, usando o hashtag #ConectaLugo en Twitter ou Instagram. Desde a organización faremos o propio!

O programa de Conecta, así como os horarios e as localizacións de todos os eventos, pode consultarse na web oficial das xornadas, conecta.escoladeartelugo.com. Tamén podes descargalo aquí en formato PDF.