O mundo da cerámica artística é apaixonante. Por iso, tanto se es estudante desta disciplina como se non, recomendámosche explorar e investigar sobre ela. A experiencia será tan gratificante como inspiradora, diso podes estar completamente seguro.

Unha boa forma de facelo é a través dos documentais. A través deles, dunha forma amena e moi visual, podes entrar no universo creativo de moitos artistas de prestixio, sen precisares sequera levantarte do sofá. Na rede podes atopar unha oferta ampla e escoller aquela que máis atractiva ou interesante che resulte, pero queremos botarche unha man sinalándote algunhas producións que paga a pena coñecer.

Unha das figuras imprescindibles no mundo da cerámica tanto a nivel nacional como internacional é Enric Mestre. O escultor ceramista de Alboraia (Valencia) compartiu os segredos do seu traballo nun documental de Televisión Española dentro da colección Los oficios de la cultura. Está dispoñible no web da TVE para visualización online. Só tes que premer aquí para velo.

Outra opción para afondar na traxectoria de Enric Mestre, algo máis antiga pero non menos interesante, é o documental sobre o artista que realizou Javier Díez en 1996:

O propio Javier Díez realizou en 1998 outro documental na mesma liña sobre outro referente da cerámica mediterránea e da historia da arte española en xeral, Arcadi Blasco, Premio Nacional de Cerámica no ano 2010. Tamén está dispoñible en YouTube: preme aquí para velo.

A nosa última proposta é Mar de Fang, un documental dirixido por Agustí Torres e Luis Ortas no que poderás coñecer o proceso de remodelación da Capela de Sant Pere da Catedral de Mallorca a cargo de Miquel Barceló. Cun abraiante mural de cerámica, Barceló foi quen de introducir elementos de arte contemporánea na arquitectura gótica, nun traballo realizado entre 2001 e 2005. Podes atopalo en formato DVD en moitas tendas online. A imaxe que encabeza este post (extraída do web de Agustí Torres) corresponde a Mar de Fang.