O pasado 25 de abril, un grupo de 14 estudantes da EASD Ramón Falcón desprazouse a Santiago de Compostela para visitar o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). A actividade, enmarcada na materia de Debuxo Artístico do primeiro curso de Deseño Gráfico, programouse con ocasión da exposición Homeless de Ángela de la Cruz.

En primeiro lugar visitamos a exposición, comentando de forma distendida todos os aspectos que capturaron a nosa atención. Despois realizamos un traballo creativo en grupos, na zona de cafetería do CGAC. A tarefa consistiu en relacionar as estratexias e o traballo da artista Ángela de la Cruz cun cartel emblemático da Historia do Deseño Gráfico, buscando nexos entre arte e deseño. Para culminar a actividade realizamos unha valoración persoal dos resultados obtidos.

Desta maneira conseguimos un coñecemento directo do campo da arte contemporánea, para a súa posterior aplicación como referencia no traballo dentro da área do deseño gráfico. Ademais, combinamos as nosas capacidades individuais para xerar unha sinerxía de traballo fluída e eficiente.