A fin de semana do 15, 16 e 17 de novembro, o alumnado do CFGS de Gravado e do CFGM de Serigrafía Artística da EASD Ramón Falcón de Lugo realizou unha visita cultural a Bilbao.

O principal motivo da viaxe foi asistir á oitava edición do Festival Internacional de Gravado e Arte sobre Papel, o FIG. Un punto de encontro potenciador da arte que difunde e fomenta a cultura do gravado. Ademais, desde a súa primeira edición apoia aos artistas emerxentes, impulsando a súa carreira profesional con bolsas de estudos, organización de exposicións e iniciativas como o Open Portfolio ou o Cubo das Tentacións. No FIG, o alumnado gozou de charlas con artistas, demostracións de técnicas e, como non, das excelentes explicacións que ofreceu Zaloa Ipiña na visita guiada. Foi un auténtico pracer.

Aínda quedou tempo para visitar o Museo Guggenheim e as exposicións do Museo de Bellas Artes: ‘De la belleza y lo sagrado’, de Isabel Baquedano; ‘ABC. El alfabeto del Museo de Bilbao’; e ‘Los Goyas de Zubieta’. O domingo 17 pola noite regresamos a Lugo, cansos pero moi satisfeitos coas experiencias acumuladas. E, por suposto, cun ollo mirando xa cara á próxima viaxe.