Durante a mañá do pasado 18 de decembro, o noso alumnado do terceiro curso de Deseño Gráfico desprazouse a Coruña para participar nas III Xornadas de Arte e Deseño da EASD Pablo Picasso (3XAD). Así, puideron coñecer as interioridades do estudio Lo Siento, da man de Borja Martínez, “cociñeiro a lume lento”. Tamén nos achegamos ao traballo de Álvaro Valiño, un “explorador de datos”.

Xa pola tarde, quedou tempo para empaparnos do sentir cultural e político da obra dun dos máis grandes artistas galegos, representante das vangardas históricas do século XX, Luis Seoane. A visita guiada por Manuel Mosquera, do equipo de difusión do Museo de Belas Artes, acompañounos por todo un percorrido formativo pola vida e obra deste fantástico creador.